DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Completan o equipo Elsa Vázquez, Óscar Nieto e Rita González 

Miguel Ángel Nombela continuará tres anos máis á fronte do decanato de Ciencias do Mar 

Foi elixido con 29 votos a favor e dous en contra 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 21/10/2021

Potenciar a titulación de grao e facer que o mestrado en oceanografía sexa a salida natural para que o estudantado siga estudos de posgrao. Implementar o programa de mentorización e integralo no Plan de acción titorial do centro. Seguir fomentando e fortalecendo as relacións con empresas e institucións para que o alumnado faga prácticas. Fomentar a mobilidade do estudantado e ampliar a oferta de materias impartidas en inglés. Traballar para rebaixar e simplificar os procesos burocráticos que teñan que ver co decanato. Estas son algunhas das accións que Miguel Ángel Nombela, e o seu equipo formado por Elsa Vázquez e Óscar Nieto, como vicedecanos, e Rita González, como secretaria, desenvolverán durante os tres vindeiros anos á fronte do decanato da Facultade de Ciencias do Mar, despois da súa reelección este xoves, nunha votación á que unicamente concorreu esta candidatura. Do total de 47 persoas que integraban o censo, 29 votaron hoxe no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais a favor da continuidade de Nombela, mentres que dúas se pronunciaron en contra, rexistrándose ademais cero votos en branco e outros tanto nulos.

“Decidín volverme presentar a esta reelección porque creo que xunto co meu equipo, xestionamos ben este período complicado que nos está a tocar vivir a todos coa covid, e porque no fondo gústame a xestión, traballo que moitas veces pasa desapercibido pero que, na miña opinión, é fundamental para o bo funcionamento da institución universitaria”, explica Nombela que fai un balance, a pesar da pandemia, moi positivo dos tres últimos anos na dirección do centro. “O último mandato estivo moi condicionado pola covid. Entre todos fomos quen de que non se perdese o segundo cuadrimestre do curso 19-20 e ademais quedou claramente de manifesto que a actividade docente non supuxo en ningún momento un foco de contaxio, polo bo facer do alumnado, PAS e PDI que seguiron os protocolos covid”, explica. 

Cara e cruz do mandato e retos do centro 

Precisamente “a resposta exemplar” do alumnado, do PDI e do PAS durante a pandemia na que foron quen de adaptarse aos diferentes escenarios, é para o decano o máis positivo do mandato que acaba de rematar. Na outra cara a moeda, destaca as situacións de estrés que todos e todas padeceron e que persoalmente “me afectou seriamente, producíndome cadros de ansiedade dos que, afortunadamente, puiden saír coa axuda de profesionais e das persoas da miña contorna”, recoñece.

Coa vista posta no futuro máis inmediato do centro, Nombela sinala dous retos que considera que a facultade debe enfrontar. Dunha banda, a captación de alumando para seguir completando a totalidade prazas que se ofertan, “algo moi importante porque nos próximos anos a poboación en idade universitaria vai diminuír”, lembra. E doutra, o posible traslado do centro ás instalacións da antiga ETEA, un proceso que o novo decano avoga por que se faga “con todas as garantías para que se poida seguir desenvolvendo a actividade docente e investigadora con excelencia