DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa, Ernesto Pedrosa e Luis Espada cualifican este estudo de “histórico e pioneiro”

O Observatorio de Persoas Tituladas analiza nun novo informe o impacto da primeira onda da pandemia no emprego do antigo alumnado

A través de case 600 páxinas, achega datos sobre taxas de ocupación e desemprego, teletraballo, ERTE

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/02/2021

Complementando a serie de estudos de inserción laboral do antigo alumnado da UVigo, o Observatorio de Persoas Tituladas, co apoio do Consello Social, presentou este xoves un novo informe. O estudo centrouse, nesta ocasión, no impacto que tivo a primeira onda da pandemia no emprego das exalumnas e exalumnos da Universidade de Vigo, un estudo pormenorizado no que se dá conta dos principais resultados dunha enquisa realiza a 3217 persoas tituladas –de moi distintas titulacións e promocións desde 1990 ata a actualidade repartidas por todo o mundo - entre os días 25 de maio e 8 de xullo do pasado ano.

Na presentación do informe, realizada de xeito telemático a través de UVigoTv, o director do observatorio, o exreitor Luis Espada, estivo acompañado polo actual reitor, Manuel Reigosa, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa . “Penso que este estudo é histórico e pioneiro dentro do sistema universitario galego e español e o seu contido pode servir de guía ou de norte para outras institucións que queiran levar a cabo un traballo similar”, salientou Espada nada máis arrancar unha presentación na que, o que fora primeiro reitor da Universidade de Vigo, foi debullando un a un os principais resultados dun informe de 572 páxinas  -nas que se inclúen 155 anexos e 231 táboas-, que foi redactado por Luis Espada e Víctor Manuel Martínez Cacharrón entre os meses de setembro e outubro de 2020 e que agora pode consultarse de xeito íntegro na web do observatorio.

Preto do 90% das persoas egresadas conservaron o seu traballo

Os resultados do informe concéntranse na súa inmensa maioría na terceira parte do libro, con diferenza a máis ampla. Segundo se recolle neste apartado a inmensa maioría (86%) dos egresados e egresadas seguía no mesmo emprego que tiña antes do inicio da crise provocada pola covid-19, o 1,2% cambiou de emprego e o 0,6% atopou emprego. Estes datos reflicten a ollos do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, “un elevado nivel de resistencia e estabilidade” dos egresados da UVigo, unha noticia claramente moi positiva.

A porcentaxe de persoas que admitiron perder o traballo durante esa etapa foi do 5%, estando entre as principais causas desta perda de emprego a finalización do contrato (46,2%), seguido pola suspensión da actividade profesional (33%) e os despedimentos (8,8%), se ben case a metade de todas elas agardaban recuperar o seu posto unha vez finalizada a crise. “A perda de emprego afectou máis ás microempresas que as grandes firmas, e ás persoas con contrato temporal eventual que con contrato indefinido”, explicou  Espada.

Desde o punto de vista da taxa de ocupación, pasou dun 92% a un 87%, e en Galicia sempre foi un pouco peor neste sentido -do 91,7% ao 86,7%-, “mentres que no estranxeiro as cousas foron un pouco mellor -do 93,7% ao 91,4%-”, explicou o director do observatorio, ao que engadiu que a taxa de desemprego pasou do 4,7% ao 9,3%.

Máis da metade pasaron ao teletraballo

Con respecto ao impacto da crise por covid-19 no modo de traballo o 54% das persoas enquisadas admitiron cambiar o seu modo de traballo habitual polo teletraballo ou traballo en remoto, aínda que a maioría admitiu carecer de experiencia previa neste xeito de traballar; o 34,1% mantiveron o seu lugar de traballo habitual, ben con normalidade ou con horarios especiais; un 5,7% foron incluídas nun ERTE e o 3,8% permaneceu na casa sen desempeñar ningún tipo de actividade laboral. “Con respecto ao teletraballo predomina máis no estranxeiro ca en Galicia”, salientou Espada, ao que engadiu que o teletraballo foi “o único medio de traballo na metade dos 46 países avaliados e, por suposto, foi maioritario en sectores como as telecomunicacións, investigación, banca e seguros e, loxicamente en menor proporción na alimentación, automoción ou sector sanitario”, recalcou o exreitor.

Ademais da aplicación do teletraballo, entre as principais medidas adoptadas polas empresas destaca tamén a redución de viaxes e reunións presenciais (56,7%), a intensificación das medidas de seguridade e hixiene (55,7%) e a flexibilización de horarios e quendas do persoal (50,4%).

0 70% non viron alterada a súa situación económica familiar

En relación ao impacto na economía familiar das persoas enquisadas máis do 70% das persoas participantes afirmaron que a situación económico do seu fogar non se viu alterada, mentres que para o 25% considera que empeorou, proporción que é significativamente máis alta entre as mulleres (27,3%) que entre os homes (20,4%). Nesta liña a maior parte dos participantes tamén pensaban con claridade que a situación económica do seu fogar non ía mellorar nos seguintes meses. Por outra banda, o maior temor entre as persoas tituladas era que a pandemia provocase unha perda do seu poder adquisitivo: o 25,3% a que os seus salarios se reducisen de forma transitoria e un 14,2% de forma máis permanente. O temor a que a empresa ou organización na que traballan teña que pechar afecta a arredor dun 10% dos enquisados.

Espada tamén fixo fincapé en como nese momento, recén rematada a primeira onda da pandemia, “o 56% consideraban que o impacto da pandemia na economía sería negativo e duradeiro, pero había un 40% de persoas que consideraba que sería pasaxeiro e, incluso, un 4% que non tería impacto”.

59 crónicas procedentes de 27 países

A primeira parte do libro, titulada Corpo Diplomático da UVigo, amosa por países e seguindo unha secuenciación cronolóxica, as 59 crónicas recibidas sobre a experiencia persoal e profesional dos egresados/as emigrados en 27 países dos cinco continentes durante o primeiro confinamento. Alemaña foi, con diferenza, o país do que chegaron máis escritos, un total de once, seguido do Reino Unido (8), Portugal (4) e Bélxica, Italia e Noruega (3 cada un). A partir de aí o lector pode atopar unha sucesión de lugares ata completar 27 do total de 73 países do mundo nos que o Observatorio constatou a presenza e contacto do antigo alumnado da UVigo. 

“Con esta achega conseguimos facer unha radiografía planetaria cos representantes da rede, o noso corpo diplomático espallado polo mundo”, explicou Espada, quen xa o pasado mes de maio adiantaba que, cada unha das crónicas achega de forma desinteresada unha visión en primeira persoa de como as e os egresados da UVigo experimentaron unha crise ata o momento inaudita. 

A segunda parte da obra resérvase para explicar a metodoloxía empregada.

Xerme da recén creada comunidade Alumni-UVigo

Tanto o reitor como o presidente do Consello Social aproveitaron este acto para agradecer de xeito público o “inxente traballo” levado a cabo por Luis Espada e Víctor M. Cacharrón na posta en marcha do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo, un traballo que desde o principio estivo apoiado polo Consello Social e grazas ao cal se foi quen de configurar unha base de datos representativa e actualizada da comunidade alumni da UVigo conformada na actualidade por máis de 13.500 persoas e que serviu de base para o recente lanzamento da comunidade Alumni-UVigo. “Co lanzamento desta comunidade creamos un cumio que penso nos vai dar moitas ledicias, todo un cordón umbilical  para que os fillos da casa continúen dalgún xeito unidos á institución, algo que será moi beneficioso para todos”, recalcou Reigosa.