DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Boa parte deles desenvolvéronse no marco dun proxecto coa ONG Ecos do Sur

Os vídeos contra a desinformación do alumnado de Publicidade e RRPP espállanse pola rede

Abordan temáticas como a sexualidade, a saúde mental ou a guerra de Ucraína

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 30/06/2022

Dos efectos para a saúde de medicamentos que poderían considerarse inocuos ou das bebidas enerxéticas, a mitos asociados á sexualidade e ás enfermidades mentais, pasando pola realidade dos menas ou das persoas refuxiadas pola guerra de Ucraína. Os efectos que as noticias falsas e os boatos, as noticias sen contrastar, teñen sobre diferentes ámbitos e colectivos foron abordados polo alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas nunha serie de vídeos realizados como traballo para a materia Teoría e práctica da comunicación televisiva, que en varios dos casos superaron ás 50.000 reproducións en redes sociais nas últimas semanas. Boa parte deles constitúen os resultados finais do proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) Dixitais. Laboratorio cidadán para competencia dixital e mediática, que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte impulsou xunto coa ONG Ecos do Sur.  

Co obxectivo de que o alumnado se forme na creación de vídeos dirixidos a unha audiencia específica, Dafonte promoveu por terceiro ano consecutivo unha actividade na que as e os estudantes debían realizar, en diferentes grupos, unha serie de pezas divulgativas que achegasen recomendacións xerais fronte as fake news ou que rebatesen informacións falsas e boatos que afectan a colectivos concretos. De xeito voluntario, o alumnado podía levar a cabo esta actividade no marco dun ApS que lles permitía contar co asesoramento de Ecos do Sur, unha ONG que centra o seu labor na loita contra as desigualdades e que traballa desde 2016 na prevención e abordaxe da desinformación e o discurso do odio en internet a través da súa liña CibeRespect. Nese senso, desde Ecos do Sur poñen o acento na “calidade dos traballos presentados e na implicación” dos preto de 50 alumnos e alumnas que decidiron sumarse a este proxecto, que permitiu, sinalan, que “enfoques diferentes en torno á desinformación” chegasen “a publicos aos que moitas veces as ONG non conseguimos chegar, como son as persoas máis novas que están en redes sociais como TikTok”. 

Vídeos con máis de 200.000 reproducións

Da terceira edición desta iniciativa, seleccionada na convocatoria de innovación educativa en ApS impulsada pola Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, Dafonte destaca unha “maior diversidade temática” con respecto a cursos anteriores. De feito, por primeira vez houbo grupos como Menas Reality, que centraron os seus traballos nas novas falsas sobre os menores estranxeiros non acompañados (menas), así como na “cuestión da desinformación en conflitos bélicos”, pondo o foco na guerra en Ucraína.

Por outra banda, a nova edición deste proxecto permitiu tamén constatar como se mantén o interese do alumnado por abordar os mitos e boatos asociados á saúde mental ou á educación sexual e afectiva. De feito, esta iniciativa levou á creación de perfís en redes sociais como o de Clitotips, que publicou en TikTok unha serie de vídeos sobre sexualidade feminina que, en varios dos casos, suman xa máis de 60.000 visualizacións, ou sexyinfo, que pon o foco nos mitos asociados ás enfermidades de transmisión sexual ou os métodos anticonceptivos e que logrou alcanzar cunha das súa pezas as 200.000 visualizacións. 

Entre os vídeos que o alumnado subiu á rede atópanse tamén as de Informatca, un grupo que pon o foco na desinformación sobre os trastornos de conduta alimentaria, que logrou superar as 90.000 visualizacións cun vídeo de entrevistas a pé de rúa sobre as diferencias entre anorexia e bulimia; ou as do grupo Desinfarma sobre os efectos do consumo de fármacos que poderían considerarse inocuos.

Da propia aprendizaxe á divulgación

Como explica Dafonte, un dos aspectos que o alumnado máis valora desta iniciativa é o propio coñecemento que adquiren da temática na que deciden centrar un traballo no que deben “xustificar por que consideran que hai desinformación sobre ese tema e por que iso é un problema”. Do mesmo xeito, aínda que non forma parte dos obxectivos da materia, o feito de que a maior parte dos grupos opten por subir os seus vídeos á rede supón tamén “unha aprendizaxe para alumnado dunha titulación no ámbito da comunicación”, que lles permite á súa vez comprobar como os seus traballos teñen “un impacto real”. Á súa vez, esta difusión “dá visibilidade” a un proxecto que, como salienta este docente, “en última instancia o que intenta é promover a mellora social e facer máis consciente ao estudantado das problemáticas que existen en torno a eles para que sexan axentes activos en tratar de resolvelas dentro das súas posibilidades”.