DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A alumna Sandra Pérez participa nun programa da Fundación Princesa de Girona con este obxectivo

De Ourense a Cáceres para converterse en docente “transformadora” da escola rural

É a única estudante galega entre os 30 seleccionados

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 08/01/2021

Alumna de cuarto curso do grao de Educación Infantil da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, Sandra Pérez é a única estudante de universidades galegas que participa na primeira edición do programa Xeración Docentes que está a celebrar a Fundación Princesa de Girona. A iniciativa levará a 30 alumnas e alumnos dos graos de Infantil e Primaria de universidades españolas a realizar prácticas de catro meses nunha escola rural de referencia “coa finalidade de que se convertan en docentes transformadores, con capacidade para innovar e xerar solucións aos grandes retos educativos”.

As prácticas da iniciativa realizaranse en máis de 20 centros de Aragón, Estremadura e Galicia, escollendo Sandra Pérez como destino o Centro Rural Agrupado (CRA) Entre Canales, na provincia de Cáceres, ao que se incorporará este mes de xaneiro e no que permanecerá ata maio. “Cando desde a facultade me comentaron que había esta oportunidade non dubidei en presentarme e por sorte fun elixida”, comenta a estudante, que lembra como ata ser finalmente seleccionada superou un proceso selectivo no que se valorou o seu curriculum e os resultados de diversas probas. Deste proceso destaca como lle chamou especialmente a atención o feito que é a única estudante de universidades galegas que participa, tendo en conta “non só a importancia da educación en si senón do rural en Galicia”. Así, subliña, “presentouse moitísima xente doutras comunidades, de Madrid, de Andalucía, etc, pero de Galicia só eu”. Ademais lembra o paradoxo de que “máis de 20 dos 30 participantes no programa virán a facer as súas prácticas a centros rurais de Galicia”.

Algo vocacional

A piques de marcharse “con moitísima ilusión e ganas” para o seu destino, Sandra Pérez destaca que no seu caso o ensino no rural é para ela “algo vocacional”. “Para min, a escola rural significa outra calidade de vida e outro enfoque de ver a vida e a educación”, indica. Ela, lembra, “crieime nun pobo, en Cea, e xa desde sempre fun de escolas reducidas, onde a educación é máis próxima, como unha segunda familia”. O centro no que realizará as prácticas en Cáceres, detalla Sandra Pérez, “está situado na localidade de Valdencín, que ten uns 200 ou 300 habitantes”, e ela incorporarase a unha escola unitaria que agrupa a nove nenos e unha nena de tres, catro e cinco anos de pobos da contorna. “Vai ser un cambio grande. Estamos acostumados a facer prácticas en centros grandes, de cidade, con aulas independentes para cada idade, pero a aqueles que nos gustaría ser mestres do rural este tipo de prácticas entusiásmanos”. Entre os maiores retos a abordar, apunta, estará traballar nunha mesma aula con nenos e nenas de idades diferentes. “Atender esta diversidade vímolo a nivel teórico na facultade pero vamos a ver como se desenvolve na práctica”, comenta a estudante de Educación Infantil.

Previamente ao inicio das prácticas, explica Sandra Pérez, recibiu desde a concesión da bolsa formación on-line por parte da entidade organizadora, que continuará ata o remate do programa. No seu destino indica, tres serán as liñas de traballo a desenvolver: as prácticas do seu grao, nas que contará cun titor na facultade ourensá e outro na escola Entre Canales; as actividades do programa Xeración Docentes e a realización do seu traballo fin de grao. Así, detalla a estudante, o seu traballo fin de grao, coordinado pola profesora Isabel Mociño, consistirá “nun estudo comparativo sobre a tradición oral en dous contextos, nun contexto rural como é Cea, en Ourense, e outro como é Cáceres”, aproveitando a experiencia de ter realizado prácticas tamén no CPI Virxe da Saleta, en Cea, este curso académico, de setembro a decembro.

Aprender de maneira “activa, significativa e transversal”

Na súa estadía, o programa pretende pór en contacto ás e aos futuros docentes coa realidade dunha escola rural, “onde aprender de maneira activa, significativa e transversal nunha contorna que favorece a experimentación e a pedagoxía activa”. A experiencia, destácase desde a iniciativa, ofrece a oportunidade ás e aos participantes de coñecer a “docentes cunha profunda vocación, altamente motivados e con gran capacidade de xestionar situacións complexas ante o cambio social” e o “valor pedagóxico da aula multigrao e a heteroxeneidade do grupo, que facilitan a igualdade de oportunidades, a cooperación, o autocoñecemento e a inclusión”. Ademais, engaden, as e os estudantes seleccionados poderán coñecer da escola rural "a personalización da aprendizaxe, traballando da man das familias para potenciar o mellor de cada alumno, o clima familiar na aula que favorece a convivencia e o desenvolvemento da intelixencia emocional, ademais de crear comunidade e xerar impacto social” e os “espazos de aprendizaxe que van máis aló da aula e xeran oportunidades ao alumnado e ao profesorado para mellorar as súas competencias”.