DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Competirán por máis de 200 ofertas de emprego que ofrecen un cento de empresas

Preto de 1300 persoas participan esta semana na feira virtual de emprego OnEJob2021

Búscanse candidaturas para sectores moi diversos: enerxías sostibles, análises de datos, big data…

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/10/2021

Co prazo de inscrición aínda aberto, son xa preto de 1300 as persoas que se inscribiron na segunda edición da Feira Virtual de Emprego OnEJob2021, unha cita que se levará a cabo ao longo deste xoves e venres e na que se reúnen un cento de empresas que poñen sobre a mesa máis de 200 ofertas de emprego “nas que se buscan candidaturas para sectores moi diversos e que requiren competencias moi variadas”, tal e como recalca a directora da Área de Emprego e Empredemento, Maruxa Álvarez, quen fai fincapé en que, “así como en anos anteriores había unha demanda moi marcada por enxeñarías, nesta ocasión a oferta de emprego está moito máis diversificada”.

Enerxías sostibles, análises de datos, big data, desenvolvedor de software, técnico xestor de proxectos de innovación, enxeñeiro/a de proxectos, xestión de recursos humanos, e-commerce, administración de empresas, biotecnoloxía, microbioloxía, idiomas, intelixencia artificial... Son só algúns dos sectores para os que se buscan candidaturas. “Este ano hai unha gran diversidade de ofertas, sobre todo por parte das empresas de España”, salienta Álvarez, quen menciona como exemplos Decathlon, a Fundación Capgemini, Faurecia, Seguros Santa Lucía, así como entidades públicas como é o caso da Administración Xeral do Estado. As áreas educativas cubertas van desde enxeñaría e tecnoloxía ata ciencias da saúde, pasando por economía, ciencias empresariais, turismo, artes e humanidades, ciencias da comunicación e ciencias agrarias, entre outras.

Punto de encontro entre empresas e profesionais altamente cualificados

A feira é unha oportunidade para as empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e, en xeral, de toda Europa, de coñecer e contactar con profesionais altamente cualificados de moi distintos perfís. Nesta ocasión, das 1260 persoas inscritas, 266 son de España, 223 de Portugal e o resto están repartidas entre diferentes países da Unión Europea. Hai perfís, tanto de idade como de formación, moi distintos, pero case a metade sitúanse na franxa de idade entre 25 e 34 anos. 

Para os empregadores este evento é unha oportunidade de publicar as súas oportunidades de traballo e prácticas no seu sitio web, facer presentacións en vivo sobre a súa empresa e necesidades de contratación e tamén realizar servizos de programación de entrevistas e asesoramento personalizado. No caso das persoas que buscan emprego, poderán seleccionar e postularse para traballos que coincidan co seu perfil, pórse en contacto cos empregadores e tamén programar entrevistas de recrutamento, tanto durante como nos días posteriores á celebración da feira. Así mesmo, tamén poderán beneficiarse dun programa en vivo de presentacións de empresas e talleres temáticos, actividades que cobren unha ampla gama de temas, desde a busca de emprego e a mobilidade ata fomento do espírito emprededor e oportunidades de investigación.

 “A nosa gran recomendación ás persoas que aínda están dubidando se rexistrarse ou non é que o fagan”, apunta a directora da Área de Emprego, “que consulten os expositores rexistrados, analicen os seus perfís e decidan aqueles que poidan responder ao seu obxectivo profesional, contacten a través do chat para presentarse e se candidaten ás ofertas dispoñibles”. Os únicos requisitos para participar son dispor dun ordenador, tableta ou teléfono intelixente con acceso a Internet e un auricular con micrófono. A maiores tamén sería recomendable unha cámara web e unha conta de Skype, para poder así acceder ás charlas e entrevistas durante o evento, “así como revisar o seu Curriculum Vitae e a súa presenza en redes sociais”, engade Álvarez.

Inauguración este xoves ás 10.00 horas

A Feira Virtual de Emprego OnEJob2021 é herdeira da Finde.U, a tradicional feira de emprego universitario que viñan coorganizando desde hai anos as universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro. Agora, xa con formato integramente virtual, a nova feira está coorganizada polas universidades de Vigo e Tras Os Montes e Alto Douro xunto coa rede Eures, o servizo público nacional de emprego de Portugal (IEFP) e a Xunta de Galicia.

A inauguración será mañá xoves ás 10.00 horas e nela contarase coa intervención da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria Natalia Caparrini; o reitor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Emídio Gomez, e o presidente do Consello Directivo do IEFP/Eures Portugal António Valadas da Silva.