DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa ‘Falamos’ abriu a súa inscrición cun posto en Ciencias Sociais e da Comunicación

Na procura de novos e novas galegofalantes no campus

A través clases de cociña e teatro, voluntariado lingüístico e un club de lectura

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Teatro
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/09/2021

Un club de lectura, clases de cociña e teatro e un proxecto de voluntariado lingüístico que porá en contacto a estudantes galegofalantes con outros que queiran mellorar o seu dominio do idioma. Estas son as catro actividades coas que retorna neste curso Falamos, un programa promovido polo Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo e dirixido a promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria. Tras a presentación, este luns, da súa segunda edición, este martes abriuse o prazo de inscrición nesta iniciativa coa instalación dun posto informativo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no que o alumnado podía recibir información das súas diferentes propostas. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, visitaron nesta xornada un posto que a vindeira semana percorrerá diferentes centros do campus.

Concretamente, o martes e mércores da vindeira semana instalaranse postos informativos tanto en Ciencias Sociais e da Comunicación como en Belas Artes, mentres que o xoves poderán atoparse en CCSS e da Comunicación e Fisioterapia, en todos os casos en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas. O propio xoves 22, a partir das 18.30 horas, desenvolverase tamén, na sede da Vicerreitoría do campus, a reunión de presentación das diferentes actividades.