DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa está coordinada polas profesoras Raquel Rial e Beatriz Cancho

Un proxecto ensina a escolares como ler as etiquetas dos produtos alimentarios para poder escoller os máis saudables

Participan estudantes do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e o Colexio Divina Pastora

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Investigación
  • Saúde
  • Académica
DUVI Ourense 23/05/2023

Desde hai máis de dúas décadas en España, como no resto de Europa, explican as profesoras e investigadoras do campus de Ourense Raquel Rial e Beatriz Cancho, as cifras da obesidade supoñen un serio problema e reto de saúde pública “especialmente grave” na poboación infantil (onde afecta a 4 de cada 10 nenos e nenas) e na poboación adolescente (onde afecta a 3 de cada 10 persoas). Neste contexto, veñen de desenvolver un proxecto de aprendizaxe-servizo no que alumnado do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Ciencias da UVigo explicou a escolares de Educación Primaria como ler as etiquetas dos produtos alimentarios para poder escoller os máis saudables.

Unha boa práctica alimentaria

A obesidade, comentan Raquel Rial e Beatriz Cancho, dificulta o crecemento saudable debido ás súas importantes consecuencias físicas, mentais e sociais para a súa saúde, que poden afectar tanto na infancia como na adolescencia e idade adulta. Segundo explican, no Plan Estratéxico Nacional para a Redución da Obesidade Infantil (2022-2030) apóstase por promover contornas máis saudables, con especial foco na contorna escolar. “Os centros educativos deberían ser centros promotores de saúde, xerando un ecosistema social promotor dunha alimentación saudable e creando un cambio cultural cara estilos de vida saudables”, afirman. A infancia e a adolescencia, engaden “representan, sen dúbida, unha xanela de oportunidades xa que é cando se aprenden e configuran os hábitos alimentarios e estilos de vida que persistirán en etapas posteriores da vida”.

As responsables do proxecto sinalan neste marco de consideración que unha boa práctica alimentaria é ler e entender toda a información recollida na etiquetaxe dos alimentos, prestando principalmente atención á listaxe de ingredientes menos saudables (azucres engadidos, graxas saturadas e sal) e como se declaran na información nutricional. “Só así se pode elixir correctamente os alimentos procesados envasados que ofrece a industria alimentaria”, afirman. Tendo en conta todos estes elementos, as profesoras Raquel Rial e Beatriz Cancho, responsables das materias de Bromatoloxía e Políticas Alimentarias de terceiro curso do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, puxeron en marcha este curso académico o proxecto de aprendizaxe-servizo de innovación docente da UVigo Lendo etiquetas para coidar da miña saúde. “Trátase dunha metodoloxía educativa innovadora que combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade. Con esta metodoloxía ofrécese ao alumnado universitario a oportunidade de aprender sendo útiles aos demais e promóvese desta maneira valores e actitudes como a empatía, o compromiso, o civismo e a solidariedade”, subliñan as investigadoras do grupo Food and Health Omics da Universidade de Vigo.

Talleres e xogos

No marco do proxecto seis alumnas e alumnos universitarios das citadas materias, con coñecementos en composición de alimentos e en etiquetaxes alimentarias, achegáronse este mes ao Colexio Divina Pastora de Ourense para ensinar a escolares de 2º, 4º e 6º de Educación Primaria a ler e comprender a información da etiquetaxe nutricional. Para apoiar esta actividade, deseñáronse trípticos, onde se recollen recomendacións alimentarias para unha vida saudable, e xogos e pequenos talleres prácticos que se impartiron nas aulas do colexio para concienciar do elevado consumo de azucres engadidos, graxas saturadas, sal e estimulantes (cafeína, taurina, ginseng, etc) nas bebidas enerxéticas.

Agradecendo a colaboración do centro e do seu profesorado, as responsables da  iniciativa indican que as e os escolares de Primaria contaban “cunha boa formación en alimentación saudable, mostrando grande interese nos talleres”. Neles realizaron actividades como pesar as cantidades de azucres engadidos e graxas saturadas en doces e produtos de repostaría e pastelería industrial para interiorizar que moitos deles exceden as cantidades establecidas como inxestas diarias recomendadas. As e os escolares de maior idade tamén calcularon as cuncas de café que conteñen as bebidas estimulantes, cuxo consumo se dispara a partir desta idade, valorando os efectos negativos que xera o consumo elevado de estimulantes (taquicardia, desconcentración, falta de sono, etc). As e os rapaces aprenderon a localizar os ingredientes menos saudables nas etiquetas e as súas cantidades. Neste punto, desde a organización da actividadade poñen en valor o bo traballo realizado polo alumnado universitario participante nas sesións levadas a cabo.

“A experiencia foi moi enriquecedora para todos, tanto é así que o colexio Divina Pastora de Ourense xa manifestou o seu interese en volver repetir esta experiencia de cara ao próximo curso académico”, sinalan as profesoras, que apuntan a idea de darlle continuidade ao proxecto abríndoo a máis centros educativos. A iniciativa, indica, alén de beneficiar ás e aos participantes “pode indirectamente fomentar hábitos saudables nas súas contornas familiares”.