DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é unha das institucións académicas de 13 países que participan na iniciativa

O proxecto europeo Dipcat fomenta unha pedagoxía innovadora en temas contables complexos

Unha alumna do campus de Ourense participa esta semana nun dos seus cursos intensivos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 17/09/2021

O proxecto europeo Dipcat. Designing Innovative Pedagogy for Complex Accountancy Topics (Deseñando una Pedagoxía Innovadora para Temas Contables Complexos) reúne a institucións académicas de 13 países co obxectivo de crear unha plataforma de aprendizaxe de contabilidade avanzada con orientación internacional que facilite aos profesionais que inician ou queren iniciar a súa carreira neste eido o desenvolvemento das habilidades necesarias para facelo. Entre as entidades socias está a Universidade de Vigo e entre o alumnado seleccionado para participar nas súas accións formativas está unha estudante da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Rachar a fenda entre formación e mercado laboral

Os profesores da UVigo que participan neste proxecto son Belén Fernández-Feijóo (coordinadora), Silvia Ruiz e Ernesto López-Valeiras. Segundo explican, desde 2006 a Universidade de Vigo é a única universidade española que está integrada en Afeca, grupo de universidades europeas financiado con diversos programas Erasmus+. No trienio 2018-2021, engaden, o programa pasa a denominarse Dipcat, céntrase en contabilidade e evasión de impostos e márcase como obxectivo contribuír a rachar a fenda existente entre a educación superior e as novas demandas do mercado laboral no seu eido de actuación.

Este proxecto Erasmus KA parte da idea de que a economía dixital está a medrar moito máis rápido que o resto da economía, pero este potencial vese freado actualmente pola escaseza de graduadas e graduados cualificados. As e os estudantes que planean traballar en áreas especializadas de contabilidade, sinalan desde a iniciativa, requiren competencias específicas, debendo desenvolver sólidos coñecementos especializados na materia, coñecementos TIC, habilidades profesionais, valores, ética e actitudes profesionais durante os seus estudos. Tendo en conta este marco, Dipcat proponse desenvolver “un concepto de ensino que facilite o desenvolvemento de todas as competencias para satisfacer as demandas actuais e futuras da profesión e mellorar significativamente a empregabilidade dos estudantes comprometidos”. Os cambios tecnolóxicos na profesión, engaden desde o proxecto, requiren que as e os graduados sexan máis competentes dixitalmente, conscientes comercial e internacionalmente, analíticos e resilientes, con pensamento interdisciplinar e habilidades para a resolución de problemas, así como capacidade de comprensión da contabilidade en diferentes culturas e lexislacións.

Formación especializada intensiva

Anualmente, no marco deste proxecto organízanse varios cursos intensivos presenciais de especialización dunha semana de duración en temas relacionados coa contabilidade, que nesta edición debido á pandemia se ten convertido en dous cursos virtuais, abertos á participación do alumnado. O primeiro deles, que se celebra esta semana, está centrado na loita contra a evasión de impostos e a súa relación coa responsabilidade social corporativa. A cita permite reunir virtualmente a profesorado e sobre todo alumnado das institucións académicas participantes de cada país, que son Francia, Italia, Luxemburgo, Reino Unido, Portugal, Grecia, Alemaña, Austria, Lituania, Romanía, Hungría, Estados Unidos e España, creando unha contorna de traballo internacional. A única alumna española que participa é Maricielo Dalila Peña Álvarez, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. A súa participación, indica o profesor do centro Ernesto López-Valeiras, “é unha mostra das actividades de formación superespecializada que se levan a cabo desde o noso campus e tamén do perfil internacional da nosa facultade”.

Maricielo Dalila Peña asiste esta semana ao curso intensivo de xeito virtual. Estudante do Programa Conxunto de Estudos Oficiais do Grao en Administración e Dirección de Empresas e o Grao en Dereito, decidiu aproveitar esta oportunidade tan pronto soubo da súa existencia. “Non mo pensei dúas veces, inscribinme de inmediato pois sabía que este proxecto sería de gran relevancia académica”, apunta a alumna. Despois de varios días de formación, a estudante destaca da iniciativa o ambiente internacional que lles proporciona, a oportunidade que lle dá de practicar inglés e sobre todo de afondar en coñecementos teóricos e prácticos relacionados cos xa recibidos no eido da contabilidade nos graos que está a cursar. Participar, afirma, “foi unha boa decisión, superou as miñas expectativas”, polo que xa amosa o seu desexo de asistir tamén á seguinte actividade formativa intensiva de Dipcat, que será en outubro.