DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvolverase do 14 ao 17 de maio

As rutas culturais rematarán coa realización do Camiño Portugués pola Costa desde Vigo

Poden inscribirse membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 25/04/2022

As rutas culturais organizadas neste segundo cuadrimestre pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo estiveron centradas na realización de tramos de cinco dos Camiños a Santiago de Compostela. Como colofón a esa programación, do 14 ao 17 de maio percorrerán o Camiño Portugués pola Costa desde Vigo e ata Santiago de Compostela. Na iniciativa poden participar membros da comunidade universitaria, que teñen preferencia na inscrición, e persoas alleas a ela.

A actividade foi presentada este luns no campus de Ourense. No acto, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou que con esta programación a UVigo quere unha vez máis unirse á conmemoración neste ano 2022 do Ano Xacobeo e á promoción dos seus valores. Pola súa banda, José García-Calvo, Willy, coordinador destas rutas desde o campus de Ourense, lembrou que os roteiros culturais, desde o ano 1999, veñen realizando en cada Xacobeo o Camiño da Vía da Prata, apostando nesta ocasión polo Camiño Portugués pola Costa por ser un dos de maior afluencia na actualidade. As andainas realizadas ao longo deste cuadrimestre, indicou García-Calvo, serviron de preparación para esta última actividade. Neste senso, o responsable dos roteiros, recalcou que se trata de catro etapas dunha media de 25 quilómetros, con técnicos e vehículos de apoio, que farán asequible a súa realización para calquera persoa. “Que ninguén que teña ganas de facer este Camiño se quede se facelo por medo a non ser capaz, ninguén vai ter ningún problema para chegar”, apuntou en base á experiencia de anteriores camiños.    

O percorrido

Antonio Vázquez, técnico de Xeitura Coop., foi o encargado de explicar os detalles da programación. A primeira etapa do Camiño Portugués pola Costa terá lugar o sábado 14 de maio, seguindo o traxecto Vigo-Pontevedra, de entre 25/35 quilómetros. O percorrido arrancará dende a Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) próximo ao porto de Teis e “con vistas magníficas á enseada de Teis”, tal e como explican desde a organización. A segunda etapa, o día 15, será Pontevedra-Caldas de Reis, con 23 quilómetros de percorrido. As e os participantes arrancarán este segundo día dende o santuario da Peregrina e a praza da Ferraría.

Continuando a actividade, a terceira etapa do Camiño Portugués pola Costa terá lugar o luns 16 de maio, realizando o traxecto Caldas de Reis-Padrón, de 21 quilómetros de distancia. Por último, o Día das Letras Galegas, o martes 17 de maio celebrarase a cuarta e última etapa, Padrón-Santiago de Compostela, de 24 quilómetros de distancia. As e os participantes rematarán a súa viaxe como é tradición visitando a Catedral de Santiago de Compostela.  

O número de prazas dispoñibles ascende a 40, estando xa aberta a inscrición para os membros da comunidade universitaria. O prezo oscila en función do colectivo de pertenza pero abrangue desde os 110 euros para os membros da comunidade universitaria ata os 220 para as persoas alleas a ela.