Mes a mes o proxecto do Campus da Auga vai collendo forma. Nese proceso, este mércores a Universidade de Vigo deu un paso máis adiante coa presentación ao Consello de Campus de Ourense das liñas estratéxicas desta iniciativa e coa constitución da súa Comisión de Coordinación Científica. Este órgano, presidido polo catedrático de Economía Aplicada Santiago Lago e formado por un representante de cada centro, será o encargado de concretar e articular as bases científicas do Campus da Auga durante os vindeiros meses. “Para sobrevivir e ter futuro é imprescindible especializarnos, tendo en conta o que temos e as nosas potencialidades. O Campus da Auga será esta marca especializada e distintiva para Ourense”, salientou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, durante a presentación da comisión.
25/04/2012