DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educación e Traballo Social pon en marcha un programa de apoio a esta tarefa

Seis accións formativas para facer os traballos fin de grao con “alegría”

O seu obxectivo é mellorar as competencias do alumnado

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Calidade
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 09/12/2020

A realización do traballo fin de grao (TFG) é para unha parte do alumnado un reto non exento de dificultades nos que a desmotivación, as inseguridades ou as carencias en determinadas competencias poden aflorar. Co obxectivo de que as e os estudantes afronten este paso para a obtención do seu título en mellores condicións, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense pon en marcha o Programa TFG con Alegría, un programa de seis accións formativas de apoio que se prolongará desde este mes de decembro e ata maio de 2021.
 
A dirección académica do programa corre a cargo do profesorado do centro Pino Díaz, Rubén González, Antonio González e Stuart Mcnicholls. Como responsable do Sistema de Garantía de Calidade da facultade, Pino Díaz explica como xurdiu esta iniciativa. “Estudando os informes de satisfacción comprobamos que o alumnado require máis formación en competencias procedementais e á vista desta demanda, organizamos un conxunto de accións formativas que se agrupan baixo o título Programa TFG con Alegría e que abordan o traballo nunha serie de competencias”, sinala. A iniciativa, que nace vinculada aos Plans de Mellora da Calidade da Facultade de Educación e Traballo Social, é, apunta, “totalmente flexible” aínda que se recomenda ao alumnado facer todas as accións propostas.

Do traballo bibliográfico á presentación

O proceso de realización do TFG, indican desde a organización do programa, implica o uso dunha serie de competencias procedementais clave como buscar e xestionar información, analizar datos empíricos, redactar textos académicos, usar recursos TICs e saber comunicar e debater os resultados. O Programa TFG con Alegría, engaden, propón apoiar ao alumnado neste proceso mediante seis accións formativas de carácter práctico enfocadas a cada unha destas competencias. A primeira destas accións xa está dispoñible a través da plataforma Moovi e leva por título Como afrontar o teu TFG. “A Biblioteca pon a disposición do alumnado este curso, no que se lle ofrece unha serie de pautas para axudarlle na elaboración e defensa do traballo fin de grao”, explican desde a organización. Con arredor de 30 horas de traballo, este módulo o alumnado pode realizalo marcando o seu propio ritmo ata xullo de 2021 e nel poden desde coñecer a oferta de recursos de información científica e académica proporcionados pola biblioteca universitaria do campus de Ourense ata como facer un uso ético e legal da información, citando as fontes utilizadas no traballo.

En febreiro a iniciativa continuará con sesións de orientación obrigatorias para o alumnado do centro na que se lle proporcionará ás e aos estudantes información sobre as modalidades de TFG, para axudarlles na elección en función da temática abordada e de acordo coas habilidades e competencias de cada estudante, e pautas sobre os trámites administrativos e procedementos formais para a súa presentación e defensa. En marzo/abril o programa achegarase á análise de datos, cun curso que pretende ofrecer ao alumnado “a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética”. En maio son tres os módulos previstos. Un deles é de principios básicos para a redacción de textos académicos, no que se abranguerá desde a organización lóxica das ideas ata a citación. Outro dos cursos será de estratexias e competencias para a creación de apoio visual. “As axudas visuais son un dos múltiples factores a ter en conta na defensa do TFG. Crear un bo apoio visual para a súa presentación é fundamental, xa que favorece a atención da audiencia, así como a comprensión da mensaxe”, apuntan desde a organización do programa. Por último, un curso sobre habilidades comunicativas da linguaxe oral e non verbal permitirá ás e aos asistentes “coñecer as claves e as técnicas para falar de modo eficaz en público e descubrir ferramentas para unha boa e exitosa comunicación”.

Cun único módulo obrigatorio, a sesión de orientación, nos demais cursos pode inscribirse voluntariamente o alumnado que se atope matriculado na materia TFG dos catro graos que se imparten no centro organizador: Educación Infantil, Educación Primaria, Traballo Social e Educación Social. O prazo para apuntarse, que se realiza a través da secretaria virtual, é diferente para cada curso, sendo o límite de prazas de 100 persoas en cada un. A docencia será maioritariamente virtual, a través do Campus Remoto da UVigo.