DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase na Escola de Enxeñería Industrial o 25 deste mes

O Seminario de Loxística reunirá os profesionais do sector para presentar as últimas tendencias nesta área

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Académica
DUVI 13/05/2022

Tras máis de 25 edicións, o Seminario de Loxística que organiza o Grupo de Ingeniería de Organización (GIO) segue consolidándose ano a ano como punto de encontro dos profesionais do sector. A cita deste curso, a vixésimo oitava, será o 25 deste mes de maio na sede campus da Escola de Enxeñaría Industrial. 
Á fronte da organización está o catedrático do Departamento de Organización de Empresas e Márketing José Carlos Prado, que explica que o obxectivo deste seminario  é “presentar as últimas tendencias nesta área e ofrecer experiencias prácticas da súa implantación, a través das intervencións de prestixiosos profesionais”. De feito, nesta edición participan representantes de empresas como Coca Cola Europacific Partners, Selmark Lingerie ou Arnoia Distribución de Libros. Ademais, engade, “abordaranse temas innovadores como a aplicación da tecnoloxía blockchain á cadea de subministro”. 

A asistencia ao seminario é de balde e a reserva de prazas realízase no seguinte enlace, onde se pode consultar o programa do evento: http://gio.uvigo.es/seminario-de-logistica-2022/

Programa do evento

O seminario arrancará ás 09.50 da man do director da Escola de Enxeñaría Industrial, Juan E. Pardo Froján, que dará paso ás 10.00 horas a unha mesa redonda sobre o blockchain aplicado á cadea de subministro. Nela, Jose Iglesias Álvarez, director executivo en Trazum Galicia e Gerardo Estévez Suárez, CEO en Trazum Galicia e socio director en Elige Plus Consultores de Dirección, explicarán como empregar esta tecnoloxía para crear valor ao cliente e mellorar a eficiencia nos procesos. Ás 11.00 horas intervirá Diego Piñeiro, director de Innovación en Selmark Lingerie, que falará sobre OpenInnovation ou innovación aberta como fórmula para achegar solucións loxísticas nunha empresa téxtil.

Ás 12.30 h será a queda de Mario Díaz, técnico de loxística en manantiais central e David Rey, técnico de procesos e sistemas de almacén, ambos en Coca Cola Europacific Partners, que falarán sobre a excelencia operativa. A xornada pecharase cun relatorio que comezará ás 13.30 horas sobre o reto da automatización integral da intraloxística nun sector supostamente tradicional como é o caso de Arnoia Distribución de Libros SA, cuxo director financeiro, Alberto Pérez Abreu, será o poñente.