DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito organiza un curso con este obxectivo

Sete conferencias para actualizar coñecementos xurídicos

As sesións terán un carácter mensual e prolongaranse ata maio de 2021

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Calidade
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 02/11/2020

Por terceiro ano consecutivo, a Facultade de Dereito do campus de Ourense pon en marcha o seu Curso de Actualización Xurídica. A edición 2020/2021 desta iniciativa desenvolverase desde novembro deste ano e ata maio do que vén e contará con sete sesións (e oito conferencias), cada unha delas centrada nunha área diferente do dereito pero todas elas abordando temas de carácter transversal e de actualidade no eido xurídico. Atendendo á situación sanitaria provocada pola covid-19, a actividade celebrarase on-line, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, e non de xeito presencial, como era habitual.

A iniciativa, lembran desde a organización, púxose en marcha no curso 2017/2018 no marco das actividades da Comisión de Calidade do centro como un programa de formación permanente no que cada área da Facultade de Dereito participa un ano ou o seguinte propoñendo un experto ou experta e unha temática que poida ser de interese para persoal docente e investigador das diferentes áreas de coñecemento no eido xurídico. O curso está organizado por Marta Fernández, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e decana da Facultade de Dereito; Susana Álvarez, profesora contratada doutora de Filosofía do Dereito e vicedecana deste centro; e Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e coordinadora do Grao en Dereito.

Os obxectivos desta actividade son a formación multidisciplinar do persoal docente e investigador da Facultade de Dereito; a actualización en temáticas xurídicas alleas ás especialidades de cada docente, pero, a miúdo, "necesarias para a aproximación e análise de cuestións complexas"; o intercambio de información relativa a institucións ou réximes xurídicos polémicos, novidosos ou de actualidade e a conformación de foros de debate e discusión. A idea de apostar por temas transversais e de actualidade, apuntan as responsables da iniciativa, xurdiu conscientes de que “moitas veces centrámonos cada un no noso ámbito de coñecemento pero tamén precisamos pornos ao día en cuestións relevantes que afectan a outros ámbitos de coñecemento”.

Do dereito internacional privado ao administrativo

A programación arrancará o 6 de novembro cunha conferencia sobre propostas de reforma do dereito da nacionalidade española e a súa repercusión nos descendentes dos emigrantes galegos, a cargo de Aurelia Álvarez, profesora titular de Dereito Internacional Privado da Universidad de León. O día 13 de novembro será a segunda das sesións, que nesta ocasión será dobre. A primeira das súas conferencia levará por título Empresas e dereitos humanos: o lado escuro do dereito internacional e correrá a cargo de Antoni Pigrau Solé, catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais e director do Centro de Estudos de Dereito Ambiental de Tarragona, da Universitat Rovira i Virgili. A segunda titularase A non discriminación por causa do sexo a debate: complemento por maternidade e accións positivas e correrá a cargo de Margarita Ramos, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de La Laguna. As seguintes sesións abordarán temáticas das áreas de dereito penal, procesual, mercantil, civil e administrativo. A programación do ciclo, indican as súas responsables, está deseñada para contar cunha conferencia ao mes, a celebrar habitualmente o último venres de cada mes, pero de xeito excepcional este primeiro cuadrimestre as conferencias terán unha periodicidade máis curta, xa que se pretende recuperar na medida do posible as conferencias previstas na anterior edición do curso e que tiveron que ser suspendidas a partir de marzo debido á declaración da pandemia da covid-19 e o confinamento.  

O público destinatario destas conferencias é persoal docente e investigador do centro, con docencia no Grao en Dereito, no Plan Conxunto ADE-Dereito e no Mestrado Universitario en Avogacía; persoal docente e investigador da UVigo interesado nos temas a tratar e alumnado e público en xeral. A inscrición, que é de balde, está aberta ata o 5 de novembro de 2020 e pode facer mediante o envío dun correo electrónico a sdefdo@uvigo.es, indicando nome, apelidos, DNI e colectivo de pertenza (docente, investigador, alumnado ou outros). A iniciativa, indican as súas responsables, ten cada curso académico unha boa acollida, tanto no que respecta á participación das áreas do centro como de asistencia de público, acadando arredor dunha trintena de participantes nas diferentes sesións que se celebran. Por este motivo, lembran, a actividade xa están consolidada na programación da Facultade de Dereito de Ourense e non se quixo renunciar á súa celebración a pesar das limitacións provocadas pola actual situación sanitaria.