DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O terceiro congreso internacional sobre esta substancia celébrase do 18 ao 20 de novembro

Unha trintena de comunicacións para contrarrestar con coñecemento científico as informacións falsas sobre o cannabis

A cita está organizada polo grupo de investigación PS1 da UVigo e a Consellaría de Sanidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 19/11/2021

Do 18 ao 20 de novembro celébrase de xeito virtual o III Congreso Internacional sobre Prevención, Tratamento e Control do Consumo de Cannabis e os seus Derivados, organizado polo grupo de investigación PS1 da UVigo e a Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia. A programación arrancou salientando a importancia de visibilizar na sociedade o coñecemento científico que hai sobre as consecuencias do cannabis e tratar de contrarrestar así o discurso de que “non pasa nada” por consumir esta substancia.

O congreso, no que colaboran entidades como a Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, do Ministerio de Sanidad, e a Sociedad Científica Española para el Estudio del Alcohol y las Drogas (Socidrogalcohol), conta cun comité organizador liderado por Manuel Isorna, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, e Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, da Consellaría de Sanidade.

Relaxación social

A cita, explicou Manuel Isorna no seu arranque, “nace coa finalidade de pór negro sobre branco” abordando “o que pon de manifesto hoxe en día a evidencia científica sobre o que realmente supón o consumo de cannabis na poboación en xeral e o que sabemos do seu uso terapéutico”. O consumo desta droga, indicou o profesor, é na actualidade “unha preocupación en todos os ámbitos”, tanto educativo e lexislativo como psiquiátrico e psicolóxico e mesmo familiar. Neste contexto, engadiu, o congreso conta coa participación dunha trintena de especialistas en temas relacionados co seu consumo, o seu tratamento e súa prevención “de altísimo recoñecemento tanto en España como fóra dela”. As máis de 30 comunicacións orais e pósters presentados, apuntou o investigador da UVigo, dá “unha idea da repercusión que ten este congreso e de como a investigación en España no eido do consumo de cannabis está en auxe”. Ante “a preocupación importante, sobre todo a nivel de saúde pública” que existe arredor deste consumo, dixo Manuel Isorna, este tipo de congresos “son imprescindibles para facer fronte a todas esas novas falsas que nos están bombardeando a través das redes sociais sobre os supostos beneficios terapéuticos do consumo de cannabis”.  

Na mesma liña, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo e un dos presidentes de honra deste terceiro congreso, indicou na súa inauguración este xoves pola tarde que na actualidade “está claro que hai fake news e unha certa relaxación social” sobre o consumo de cannabis. Neste contexto, indicou a importancia de que os resultados do coñecemento científico neste eido cheguen á sociedade, e moi especialmente á etapa educativa, de xeito “alto e claro” para que a cidadanía “sexa capaz de superpoñerse a esas informacións falsas e se conciencie da problemática que se deriva do consumo de cannabis”. Igualmente, o reitor destacou a relevancia de que nesta problemática interveñan especialistas de diferentes disciplinas, como a sanitaria, a xurídica e a educativa, e se adopte unha perspectiva de xénero, tal e como se fai este congreso.

Unha das drogas de maior consumo

Pola súa banda, Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, lembrou na súa intervención na apertura do congreso que o cannabis “é unha das drogas ilegais con maior consumo non só en España senón tamén no resto de países da UE e isto evidentemente é unha preocupación para a saúde pública”. Neste marco de traballo apuntou a nececidade tanto de “visibilizar esta problemática e facer partícipe á sociedade científica desta preocupación” como de “dar evidencias científicas a cambio das fake news”. O congreso que agora se celebra, apuntou, pon o foco ademais na perspectiva de xénero e no papel dos adolescentes nesta problemática. "Consideramos importante pór o foco na poboación nova porque todas as enquisas nos din que esta poboación, os nosos adolescentes, son os que teñen maior consumo de cannabis”, sinalou. Ademais, engadiu, “sabemos que os condicionantes e as repercusións do consumo de cannabis son distintas en función do xénero”

Como delegado do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Joan R. Villalbí Hereter, explicou na súa intervención como “estamos moi preocupados porque hai un clima social, que evidentemente non é casual, dunha relativa banalización do cannabis”. Na actualidade, apuntou, un 2% da poboación adulta fuma cada día cannabis en España, unha cifra que, sinalou, está relativamente estabilizada pero que é moi superior á de décadas atrás. Lembrando os efectos que ten o consumo, especialmente na xente nova, e o que ten acontecido noutros países que tomaron medidas que facilitan o acceso a esta substancia, o responsable para Plan Nacional sobre Drogas advertiu de que “coidado con crerse o que se nos conta en Internet e dotémonos de elementos de coñecemento, de reflexión e ciencia, como os que vai a achegar este congreso, para pensar as cousas moi ben e non cometer erros que logo son moi complicados de corrixir”, apostando por empregar “análises baseadas en datos e coñecemento e non en ocorrencias, impulsos ou slogans”.

Máis programación

Ao longo das súas sesións, o congreso, que continúa este venres e sábado a súa actividade con arredor de 200 participantes, abrangue a relación do cannabis con outras substancias, coa saúde mental, coa prevención, co uso terapéutico, co tabaco, coas políticas públicas e coa súa articulación coa sociedade civil, coa redución de danos, cos estilos de vida, coa perspectiva de xénero, cos menores e adolescentes e coas normas legais. O programa inclúe relatorios de especialistas do eido académico e profesional de temas tan diversos como que funciona no contexto escolar para previr o consumo de cannabis; o impacto do consumo de cannabis nas características e incidencias da psicose; os cannabinoides sintéticos; a intervención xurídica-penal con menores infractores consumidores de cannabis; a loita económica contra o narcotráfico; as claves clínicas de cannabis, xénero e adolescencia e os beneficios e riscos do uso terapéutico do cannabis.