DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o conselleiro de Sanidade asinaron este xoves un convenio de colaboración

Universidade e ADOS buscan a implicación solidaria da comunidade universitaria na doazón de sangue, órganos e tecidos

Esta cooperación coa institución académica é básica para renovar a base de doantes

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
M. Del Río DUVI 13/05/2021

A Universidade de Vigo e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) teñen unha longa traxectoria de colaboración que este xoves ampliaron coa sinatura dun novo convenio de colaboración. O reitor Manuel Reigosa e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentaron no Hospital Álvaro Cunqueiro as bases desta nova cooperación, nun acto ao que tamén asistiu a directora de ADOS, Marisa López García. O obxectivo é promover a doazón altruísta de sangue órganos e tecidos entre os membros desta comunidade académica e renovar a base de doantes nunha contorna envellecida como a galega.

No marco deste acordo, ambas institucións promoverán campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que integran a Universidade de Vigo con periodicidade anual, artelladas en dúas fases; unha primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda; de febreiro a abril. Pola súa banda, a Universidade de Vigo colaborará na difusión dos materiais educativos de ADOS, facilitando o uso das súas plataformas de comunicación, así como os recursos e programas.

Renovar a base de persoas doantes

Un dos obxectivos de ADOS con este tipo de acordos coas universidades galegas é ampliar e rexuvenecer a base de persoas doadoras de sangue en Galicia para poder facer fronte aos requirimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na comunidade autónoma, cun complexo balance sociodemográfico. Deste xeito, ADOS e a Universidade de Vigo establecerán, conxuntamente, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea desde a comunidade universitaria.

De feito, na campaña desenvolvida no pasado curso coas tres universidades galegas obtivéronse 4601 doazóns e unha parte moi importante dos novos doadores proveñen desta solidaria iniciativa que contribúe a renovar a base de doantes de Galicia.

Doar en tempos de pandemia

Dende ADOS destacan o esforzo da comunidade universitaria “nun período especialmente sensible como o que estamos a vivir pola pandemia sanitaria derivada da covid-19”, no que se estreman todas as medidas de seguridade para facilitar ao longo deste curso o acceso dos membros da comunidade académica tanto á información relacionada coa doazón de sangue como á participación nas propias campañas desenvolvidas polas unidades móbiles da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.