DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cine, un club de lectura, un curso de cociña e voluntariado para fomentar o uso do galego no campus

Universidade e Concello impulsan o programa ‘Falamos’

A vindeira semana instalaranse mesas informativas nos diferentes centros

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/09/2020

Potenciar o uso do galego entre o alumnado do campus de Pontevedra, nomeadamente entre aqueles e aquelas que a vindeira semana iniciarán os seus estudos universitarios, é o obxectivo do programa Falamos, promovido pola Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra. Entre o martes 22 e o martes 29, instalaranse nas diferentes facultades e escolas uns postos informativos dirixidos a dar a coñecer entre o alumnado unha iniciativa que bota a andar con catro actividades, un club de lectura, un curso de cociña, o visionado de películas e un proxecto de voluntariado lingüístico.

As actividades foron presentadas en rolda de prensa polo director da Área de Normalización Lingüística da UVigo, Fernando Ramallo, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña. Ambos coincidiron á hora de sinalar que a incorporación á universidade constitúe un momento de cambios “que poden levar tamén aparellados cambios de lingua”, como sinalou Oubiña. “Cremos que a universidade é un espazo de esperanza, porque é un espazo onde mudan moitas cousas”, engadiu Ramallo, que lembrou un estudo realizado pola UVigo en 2018, no que, no referido á súa lingua habitual, só o 18% das e os estudantes do campus pontevedrés se definían como “monolingües en galego”, fronte a un 64% en castelán. Partindo desa situación, Falamos formúlase como unha iniciativa “orientada á práctica”, a que estudantes castelanfalantes “se incorporen ao galego”. Nese senso, o director da ANL puxo o foco en que “a situación sociolingüística do galego se atopa nun dos peores momentos da súa historia”, xa que se ben “o alumnado no sistema educativo aprende galego, non se dan as condicións para que se convertan en falantes”.   

De feito, ambos sinalaron á existencia de casos nos que alumnado que empregaba o galego de xeito habitual “se desmarca” deste na súa chegada á universidade, producíndose un efecto de “ocultación social”, como salientou Oubiña. Resultado de meses de traballo conxunto entre a ANL e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, o programa de actividades desta iniciativa dirixida a proporcionar á mocidade “ferramentas, actividades, espazos e alternativas de ocio” nos que desenvolverse en galego, xurdiu das propostas realizadas por un grupo de traballo de preto de 15 persoas do que formaban parte tanto estudantado como profesorado do campus. Por outra banda, aínda que as actividades foron deseñadas con carácter presencial, dada a situación sanitaria, contémplase tamén a posibilidade de que pasen a desenvolverse a través da rede de ser preciso.

Voluntariado lingüístico 

Entre as iniciativas seleccionadas figura unha que, como explicou Ramallo, “funciona noutros lugares de Europea e noutras universidades do estado, particularmente no ámbito catalán”, o voluntariado lingüístico. Trátase dunha actividade consistente en reunir un voluntario ou voluntaria que emprega o galego con fluidez na súa vida cotiá cun “aprendente” que desexa mellorar o seu dominio do idioma ou “mobilizalo, experimentar o seu día a día en galego”. No primeiro dos casos, a iniciativa está aberta tanto ao alumnado, que terá a posibilidade de solicitar o recoñecemento de créditos ETCS, como a profesorado e persoal de administración e servizos, mentres que, no segundo, prevese que poida resultar de interese tanto a estudantes galegos que poderían considerarse “neofalantes potenciais”, como para alumnado doutras partes de España ou do estranxeiro que queira iniciarse na lingua, á vez que estará aberta a persoas alleas á comunidade universitaria. “Do que se trata é de que se reúnan, unha vez á semana e que falen do que lles pete, pero co requisito de que o fagan en galego”, explicou Ramallo.

Cine, libros e cociña

Outra das actividades propostas é un club de lectura, concibido, como explicou Oubiña, como “un espazo para conversar, ler libros e comentalos en galego”, que desenvolverá as súas reunións unha vez a mes. Infamia, de Ledicia Costas, Vivir sen permiso e outras historias do Oeste, de Manuel Rivas, e O cabo do mundo, de Xabier Quiroga, son os libros programados para as tres primeiras xuntanzas dunha actividade na que os inscritos e inscritos contarán cunha bonificación á hora de mercar los libros nas librarías colaboradoras. Con esa mesma idea de xerar espazos lúdicos e de socialización en galego, porase en marcha a proxección e posterior coloquio de diferentes filmes, “nas que nalgúns casos poderemos traer aos directores e noutros a persoas que poidan falar sobre as películas”. Esta actividade levarase a cabo na sede da Vicerreitoría, coa colaboración  do Cineclub, e para as primeiras sesións están programadas Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, Hamada, de Eloy Domínguez Serén, e O que arde, de Oliver Laxe. Por último, impulsarase un curso de cociña, “porque cando te mudas tamén queres aprender a facer receitas”, destacou o concelleiro. 

O alumnado interesado en participar nestas actividades, de carácter gratuíto, poderá inscribirse tanto na web do programa como nas casetas informativas que a partir do vindeiro martes irán percorrendo as diferentes facultades e escolas.