DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A taxa da ocupación en primeiro curso é do 101%

A UVigo acada, con 3877 estudantes, a mellor cifra de alumnado de novo ingreso de grao dos últimos sete anos

Entre todas as etapas, a matrícula acada os 19.918 estudantes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 13/12/2023

19.918 estudantes, dos cales 15.901 son de grao, 2143 de mestrado, 1381 de doutoramento e 493 do Programa universitario para Maiores. Estas son as cifras globais de matrícula na Universidade de Vigo neste curso 2023/2024, lixeiramente superiores ás do curso pasado, cando se formaban nas aulas dos tres campus 19.785 persoas. Con todo, a evolución temporal non deixa marxe á dúbida e a crise demográfica xa se reflicte nunha lenta pero constante baixada de alumnado, afastándose pouco a pouco dos 20.552 estudantes do curso 2018/2019 ou dos 20.274 no 2021/2022.

O aspecto máis positivo das cifras de matrícula son os 3877 mozos e mozas que apostaron por comezar os seus estudos de grao este curso na UVigo, a cifra máis alta dos últimos sete anos. Dado que se ofertaron 3839 prazas de novo ingreso, 48 máis co curso pasado, a taxa de ocupación queda no 101%, “moi similar á do curso 2020/2021, curso pospandemia e que foi o mellor e o único no que se superou o 100% nos últimos seis anos”, como destaca a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini.

Volvendo ás cifras globais deste curso, dos 19.918 estudantes matriculados en todas as etapas, o 53% pertence ao campus de Vigo (10.645), seguido polo de Ourense, onde estuda o 25% das persoas matriculadas (5058) e de Pontevedra, co 21% (4215). 

Os datos resumidos poden consultarse neste enlace.

101% de taxa de ocupación nas prazas de novo ingreso de grao

A oferta de grao na UVigo neste curso está composta por 63 titulacións, 31 en Vigo, 19 en Ourense e 13 en Pontevedra, unha listaxe que se foi incrementando ano tras ano, pasando das 56 titulacións que se ofertaban no curso 2017/2018 ás 59 dos dous cursos seguintes e chegando a 62 no 2020/2021. 

Para este curso ofertáronse un total de 3839 prazas de novo ingreso, 48 máis co curso pasado e matriculáronse 3877 estudantes (1821 mozos e 2056 mozas), o que deixa unha taxa de ocupación do 101%. Destaca neste sentido Pontevedra, que é o campus cunha maior taxa de ocupación, un 107% (907 estudantes para 850 prazas), seguida de Ourense cun 101% (1021 estudantes para 1015 prazas) e Vigo cun 99% (1949 para 1974 prazas). 

A evolución da matrícula en grao é positiva respecto dos últimos cursos, senda crecente nos últimos anos, que permite pasar dos 3694 do curso 2017/2018 a 3804 no curso 2020/2021 e, tras dous cursos de lixeira baixada, volver a recuperar cifras previas neste ano cos 3877.

No que atinxe ás titulacións con maior taxa de ocupación, no campus de Ourense son os graos de Dereito, cunha taxa do 132%; o PCEO ADE-Dereito con 130%; e Xeografía e Historia cun 128%. A titulación con máis estudantes de novo ingreso é Enxeñaría Informática, que ofertaba 147 prazas e na que se matricularon 156 mozos e mozas. En Pontevedra, a titulación máis demandada, cunha taxa do 127%, é o grao en Educación Primaria, seguido de Fisioterapia con 126% e Comunicación Audiovisual con 114%. A titulación con máis estudantes de novo ingreso é Belas Artes, na que se matricularon 134 estudantes, por riba das 130 prazas ofertadas. En Vigo as maiores taxas de ocupación rexístranse nos PCEO de Enxeñaría Mecánica e Electrónica Industrial e Automática (160%), PCEO de Enxeñaría Biomédica e Electrónica Industrial e Automática (150%) e PCEO de Enxeñaría Biomédica e Mecánica (133%) aínda cabe subliñar que son titulacións que ofrecen prazas reducidas (10, 6 e 6 respectivamente) que teñen moita demanda. A titulación na que se matricularon máis estudantes de novo ingreso foi Administración e Dirección de Empresas, que ofrecía 200 prazas e matriculou 224 estudantes.

A matrícula nos mestrados, na liña de anos anteriores 

No que atinxe aos estudos de mestrados, neste curso ofértanse 63 titulacións, 13 máis da que se impartían no curso 2017/2018, e completando así un crecemento constante da oferta educativa de posgrao da UVigo. Deles, 38 impártense en Vigo (60%), 13 en Ourense (21%) e 10 en Pontevedra (16%), aos que se suman dous mestrados intercampus, o de Profesorado en Educación Secundaria e o de Avogacía, que se imparten nos tres campus. 

Entre todos eles para este curso ofertáronse 1727 prazas de novo ingreso, das que se cubriron 1358, o que se traduce nunha taxa de ocupación do 79%, porcentaxe que no caso de Pontevedra ascende ao 90% e moi similar á dos cursos pasados (80% hai dous anos e 78% o pasado). Neste tipo de estudos, as mulleres son maioría, representando o 56% das prazas de novo ingreso (762 persoas), fronte ao 44% de homes (596).  

As titulacións que rexistran unha maior taxa de ocupación son o Máster en Dirección e Innovación da Cadea de Subministración, cun 117%, seguido, cun 100% de prazas cubertas, os mestrados en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, en Deseño e Dirección Creativa en Moda; en Necesidades Específicas de Apoio Educativo, Dirección de Arte en Publicidade, en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia e en Lingüística Aplicada.

As cifras de novo ingreso de doutoramento, lixeiramente mellores cas do curso pasado

Respecto da formación de doutoramento, neste curso a UVigo conta con 41 programas, 29 deles en Vigo, 7 en Ourense e 5 en Pontevedra, unha cifra que se mantén sen apenas variacións nos últimos cursos. As prazas de novo ingreso que se ofertaron para o curso actual foron 527 (369 en Vigo, 103 en Ourense e 55 e Pontevedra), cubríndose o 54% delas, con 282 persoas matriculadas, 144 mulleres e 138 homes. Destaca o caso do campus de Pontevedra, onde a porcentaxe ascende ao 91% . Isto débese a que dos cinco programas que se imparten na cidade do Lérez, tres cubriron todas as súas prazas: Creatividade e Innovación Social e Sostible (115% de ocupación), Creación e Investigación en Arte Contemporánea (100%) e Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable (100%). No campus de Ourense, cunha taxe de ocupación do 69%, tamén encheron todas as prazas o Ciencias da Educación e do Comportamento (136%), Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria (104%) e Ciencias Sociais e Envellecemento (100%). No caso de Vigo, a taxa de ocupación xeral do campus é do 44%, pero cinco dos programas acadaron ou superaron o 100% de ocupación: Tradución e Paratradución (140%); Análise Económica e Estratexia Empresarial (113%), Protección do Patrimonio Cultural (113%), Estudos Lingüísticos (100%) e Xeotecnoloxías Aplicadas á Construción, Enerxía e Industria (100%).

Respecto de anos anteriores, se ben os datos son lixeiramente mellores cos dos curso pasado, nos que se matricularon 279 persoas, a evolución da matrícula nos programas de doutoramento é negativa, pasando dunha taxa de ocupación do 63% en 2017/2018, ao 67% no 2019/2021, ao 55% o curso pasado e o 54% actual.

O Programa Universitario para Maiores, no camiño de recuperar cifras previas á pandemia

Aos estudantes de grao, mestrado e doutoramento, hai que sumar tamén as persoas matriculadas no Programa Universitario para Maiores, un total de 493, a maioría delas mulleres (63% do total, 311). Deles, a gran maioría (439) cursan o ciclo intensivo e 54 o integrado. Tras unha baixada importante da matrícula nesta formación para maiores de 55 anos derivada da pandemia, pouco a pouco, as cifras vanse recuperando, pero aínda lles resta un tempo para posicionarse nas previas á covid, cando oscilaban entre as 550 e 650 persoas matriculadas.