DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidos pola Deputación e dirixidos a alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo

O venres remata o prazo para presentar TFG e TFM con perspectiva de xénero aos Premios Sofía Novoa 

O ente provincial outorgará catro premios de 1000 euros e dous accésit

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/09/2020

Ata este venres 2 de outubro, os egresados e egresadas das diferentes facultades e escolas dos campus de Pontevedra e Vigo dispoñen de prazo para inscribirse na quinta edición dos Premios Sofía Novoa Ortiz, dirixidos a recoñecer traballos de fin de grao e de fin de mestrado que incorporen a perspectiva de xénero. Promovidos pola Deputación de Pontevedra, estes galardóns están dirixidos a fomentar, consolidar e dar a coñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos académicos defendidos no curso 2019/2020, con dous premios de 1000 euros e un accésit de 600 en cada unha das súas categorías.

Segundo recollen as bases destes premios, os traballos serán avaliados por un xurado integrado por representantes da Deputación e da Universidade de Vigo, que terá en conta a calidade do traballo, a relevancia e carácter innovador da súa temática e metodoloxía, a aplicabilidade práctica das achegas do estudo e o uso de linguaxe inclusiva e do idioma galego, así como o emprego de referencias e fontes bibliográficas. As e os titulados disporán ata este venres para presentar as súas solicitudes de participación neste certame e, unha vez realizada a inscrición, disporán de prazo ata 9 de novembro para presentar, por vía telemática o seu TFG ou TFM. Segundo se recolle nas bases, non poderán concorrer ao certame traballos que xa foran premiados noutras convocatorias ou concursos.

Na anterior edición dos Premios Sofía Novoa foron galardoados os traballos de fin de grao Constitución Española inclusiva. Estudio previo y propuestas de redacción, de Karen Giselle Engster; Trabajar con perspectiva de género a través de la metodología por proyectos en la Educación Infantil, de Cristina Pérez, e Menores transexuales en el ámbito educativo, de Antía Álvarez. No referido os traballos de fin de mestrado, os premios foron para Marta Molina, por Sensibilización e formación en igualdade de xénero do profesorado de FP; Rut Guinarte, por Mediando a temática do traballo de coidados na aula de inglés: co-construíndo novas realidades igualitarias, e Fernado Miguel Otero, por A situación do alumnado trans no ensino secundario de Galicia.