DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras non poder desenvolverse en 2020, a súa XXXVII edición terá lugar do 5 ao 9 de abril 

A Vicerreitoría mantén o seu apoio á Semana Galega da Filosofía

O acordo de colaboración prevé o desenvolvemento de actividades no campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • TIC
  • Institucional
DUVI Pontevedra 22/02/2021

A situación xerada pola covid-19 impediu que, o pasado mes de abril, a Semana Galega de Filosofía desenvolvese a súa edición número 37, que tiña como título Filosofía e Civilización Dixital. Mais non acontecerá o mesmo este ano, no que, con esa mesma temática, esta iniciativa da Aula Castelao de Filosofía levarase a cabo, combinando a asistencia presencial e telemática, entre o 5 e o 9 de abril. Farao contando un ano máis coa colaboración da Universidade de Vigo, trala sinatura este luns na Vicerreitoría do campus de Pontevedra o anexo ao acordo marco de colaboración que, desde 1996, a institución académica mantén coa organización da semana. 

“A Universidade ten que ter un márchamo importante de competencia crítica e o que fai a Aula Castelao é encher un baleiro que moitas veces se dá nas sociedades contemporáneas, nas que estamos sempre de aquí para alá e fai falta tamén tempo para a reflexión e o pensamento”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto trala sinatura deste acordo, que prevé á organización de dúas conferencias ou actividades no campus. Estas, explicou, atópanse pendentes de definir, dada a necesidade tamén de concretar o formato “máis acaído para a situación que estamos a vivir”.  

“Para nós é moi importante contar co apoio da Universidade e da Vicerreitoría, porque sen eles non poderíamos levar a cabo a semana”, sinalou o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, no marco dunha xuntanza na que tamén participaron a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, e a vogal da aula Montse Bragado.

Unha temática que a covid-19 sumou actualidade

Afondar en como as tecnoloxías mudaron nas últimas décadas a estrutura da sociedade constituía un dos obxectivos cos que a Aula Castelao programou o pasado ano esta XXXVII Semana Galega de Filosofía. De aí que Cendón puxese o acento en como a situación provocada pola covid-19 provocou que estas cuestións estean hoxe en día ”de plena vixencia, debido ao confinamento e a auxe que tivo nestes meses todo este ámbito dixital, tanto a nivel privado, nas nosas casas, como tamén nos nosos traballos”. Neste punto, o presidente da Aula Castelao sinalou que a semana mantén para este 2021 o programa concibido inicialmente. “O que fixemos, dado o actual contexto, foi reducir un pouco o formato”, explicou dunha programación que será presentada nas próximas semanas e que desta volta estará estruturada por unha sesión matinal e outra de tarde, en lugar de por tres diarias.

Do mesmo xeito, as sesións combinarán a asistencia presencial, cun aforo limitado, no Teatro Principal, coa posibilidade de seguir as diferentes conferencias a través da rede. De feito, explicou Cendón, nas sesións matinais os e as conferenciantes intervirán tamén a través de videoconferencia, coa excepción dun relatorio do profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Albino Prada, mentres que as da tarde si está previsto que se impartan de xeito presencial. Non obstante, engadiu, a organización buscou ter en conta “todas as casuísticas, incluso preparándonos para, no caso de que non puidese asistir ningún público, retransmitilo todo en liña”.