DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Educación e Traballo Social acolleu unha xornada sobre esta temática

Contra a violencia machista institucional, formación

Nela abordouse a dobre vitimización das mulleres por parte do sistema

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 03/05/2021

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este luns a celebración da xornada Cómplices. A violencia machista institucional. Unha abordaxe integral. Nela, expertas do eido do dereito, a saúde, o traballo social e a socioloxía abordaron como mellorar a acollida e atención das mulleres en situacións de violencia e evitar así unha segunda vitimización deste colectivo: a que viven por parte do sistema. Na xornada subliñouse a importancia da formación axeitada de todas as persoas que interveñen no proceso de atención a estas mulleres para evitar a vulneración dos seus dereitos.

A iniciativa, que contou con financiamento da Unidade de Igualdade da UVigo, estivo organizada por Iria Vázquez Silva, profesora de Socioloxía da facultade ourensá, e naceu en relación ao libro Cómplices. A violencia machista institucional, coordinado por esta docente e en cuxa elaboración participaron todas as relatoras que este luns participaron no acto celebrado no campus de Ourense. A xornada, que foi retransmitira a través do Campus Remoto da UVigo, foi seguida de xeito presencial por alumnado de primeiro curso do Grao en Traballo Social.

Labirinto de nesgos e mitos patriarcais

Segundo indicou Iria Vázquez Silva na presentación do acto, tanto o libro como esta xornada abordan desde un enfoque interdisciplinar e integral o fenómeno da violencia machista institucional, “analizando como moitas veces as mulleres en situacións de violencia teñen que enfrontarse a un labirinto no que os nesgos e os mitos patriarcais se reproducen nas propias institucións”, en espazos como comisarías, xulgados, puntos de encontros ou servizos sociais, provocándolles unha segunda vitimización. Fronte a esta realidade, a profesora fixo fincapé na importancia da formación en igualdade e violencia de xénero. “As persoas que traballamos en temas de violencias machistas temos claro que calquera persoa que poida ter contacto con mulleres en situación de violencia e cos seus fillos e fillas precisa unha formación”, dixo, recalcando a importancia de que sexa unha formación “rigorosa e especializada” e máis prolongada no tempo que a actual pois, apuntou, “unha formación dun par de días ou semanas non é suficiente para realizar unha atención de calidade”.

Como viveiro das futuras xeracións de profesionais, Iria Vázquez Silva trasladou a relevancia desta formación ao ámbito universitario “para poder logo contar con profesionais formados nese eido e que non reproduzan esta violencia machista institucional”. As universidades galegas, afirmou, “deben facer un esforzo real por integrar unha formación especializada no curriculum, que sexan materias obrigatorias” de modo que se poida “traballar a fondo eses nesgos para que non se sigan reproducindo”. “É responsabilidade das universidades ofrecer unha formación”, dixo, “que rache ese círculo no que estamos”.  Ademais desta formación, a coordinadora das xornadas indicou que fronte á violencia machista institucional é necesario tamén "unha vontade política por mellorar a atención das mulleres en situación de violencia, por mellorar o persoal dedicado a isto e por mellorar a formación deste persoal”, pondo o aceno na saturación dos dispositivos que atenden a este colectivo. “Non podemos seguir con esa vulneración de dereitos”, afirmou a experta.

Diversos eidos

A programación contou tamén cunha conferencia de Sheila Fernández Míguez, doutora en Dereito, centrada na "violencia institucional no eido xurídico". Na súa intervención, a relatora puxo “en evidencia as carencias da actual lei de violencia de xénero, de 2004”, e realizou propostas de mellora. Entre outros aspectos, fixo fincapé en como “non existe formación en violencia de xénero suficiente tanto en operadores xurídicos (xuíces, secretarios xudiciais, etc) nin nas avogadas da quenda de oficio, que teñen uns cursos moi básicos”. Ademais, abordou aspectos tales como a fenda entre o rural e os núcleos urbanos na atención ás vítimas ou como “nas salas de espera moitas veces non se compren os requisitos de que as mulleres estean protexidas do contacto visual co agresor”. A xustiza, indicou a xurista na súa intervención, é "un ámbito de poder que exerceu e exerce unha elite social" que sempre foi “unha xustiza patriarcal”.

Tamén interviron na xornada Lola Ferreiro Díaz, doutora en Medicina, que falou sobre "as violencias institucionais contra a saúde das mulleres" e Olalla Villaronga Seoane, psicóloga social, que se achegou á especificidade das mulleres rurais na atención da violencia de xénero. Pechou o programa a intervención Mulleres nas marxes. Diversidade funcional e violencias machistas, a cargo de Ana Martínez González, traballadora social da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP). Nela expuxo unha experiencia de boas prácticas dun grupo de mulleres desta asociación, un “grupo de seguridade, íntimo, para que as mulleres compartan as súas experiencias de vida” no que se traballa o seu empoderamento e tamén a visibilización das violencias machistas.