DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto realizado pola estudante Sandra Gutiérrez para unha materia de titulación

As visións do alumnado de Belas Artes sobre as supersticións que rodean á avelaíña reúnense nunha publicación

As súas creacións reúnense este sábado nunha exposición en O Galpón Lab

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/01/2022

As supersticións que, na tradición galega, rodean ás avelaíñas, que poden ser presaxio de boas ou malas novas en función da súa cor, constitúe o punto de partida do Avelaíña Fest, un proxecto impulsado pola estudante de Belas Artes Sandra Gutiérrez, que levouna a reunir nun fanzine as visións sobre este mito de 14 artistas, boa parte deles estudantes da facultade. As diferentes obras que compila esta publicación preséntanse así mesmo na exposición que este sábado, entre as 17.00 e as 21.00 horas, acolle O Galpón Lab, asociación que centra o seu labor no apoio a artistas emerxentes, con sede na rúa Loureiro Crespo. 

Nacido como un traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, o Avelaíña Fest complétase co taller sobre a elaboración de fanzines con poucos recursos, que Gutiérrez, baixo o nome artístico de Sandra Bathori, e a tamén estudante da facultade Lili Algo imparten esta tarde na sede desta asociación.

Diferentes olladas reunidas nunha publicación

Ilustración, fotografía, obra gráfica, colaxe e cómic reúnense na publicación que a promotora desta iniciativa distribúe a través da conta en Instagram do Avelaíña Fest e que promocionará na exposición que este sábado permitirá ver 14 das obras recollidas no fanzine. Concretamente, na mostra preséntanse as creacións realizadas por Aldara Otero, Andrea Raw, Antía Encisa, Clementina Vilas, Dave Azor, Javier Harlow, Jose Nogueira, Lili Algo, Nuria Mallo, Manuel Rial, Pablo Otero, Sara Castro, Tamara Goberna e Uxía González, aos que Gutiérrez trasladou esta idea de “facer un fanzine colaborativo cunha temática común”, como é avelaíña e as supersticións que as rodean. “A verdade é que saíron cousas moi interesantes”, recoñece esta alumna, para a que a elección desta temática partiu dunha vivencia persoal da súa infancia. “Cando era pequena, houbo unha praga de avelaíñas na miña casa e tivemos que irnos unha tempada á casa da miña tía. Cando estabamos alí, escoitei un ruído mentres durmía e atopeina cunha avelaíña negra nas mans. Resulta que o meu tío pasaba entón moito tempo no mar e díxome que se comunicaban a través das bolboretas”, relata Gutiérrez dun “recordo que teño moi gardado” e que motivou tamén que impulsase esta iniciativa como homenaxe a súa tía, xa falecida.

De feito, Gutiérrez recoñece tamén que se trataba dun proxecto no que levaba tempo pensando e ao que lle gustaría darlle continuidade, máis aló do traballo para esta materia. “A miña idea é aproveitar a conta e facer máis eventos, talleres e probablemente máis fanzines”, recoñece esta estudante, que sumou tamén as súas propias achegas á publicación, a que incorporou tamén outra serie de contidos, como unha entrevista a itspollyspam, “un rapaz que está traballando moito co drag disidente e que fai moitas performances nas que utiliza elementos mitolóxicos de Galicia”.