DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Están organizadas polo grupo Gen e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

As XII Xornadas de Docencia en Economía contarán cun centenar de participantes de universidades estatais

Celebraranse de xeito virtual os días 17 e 18 de setembro

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 14/09/2020

Co obxectivo de “contribuír á difusión e ao debate das experiencias docentes innovadoras, coa intención de mellorar a docencia da economía na contorna do Espazo Europeo de Educación Superior”, os días 17 e 18 de setembro terá lugar, de xeito virtual, a celebración das XII Xornadas de Docencia en Economía. A cita, que contará cun centenar de participantes de distintas universidades estatais, está organizada nesta ocasión polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. 
 
As xornadas, explican desde a organización, “celebraranse excepcionalmente de maneira virtual, segundo decidiu o seu comité organizador como medida de prudencia e dada a situación de alerta sanitaria na que nos atopamos a causa da covid-19”. De carácter rotatorio, desde o grupo Gen sinalan como a elección da Universidade de Vigo para organizar esta edición “pon en evidencia a alta consideración que ten desde fóra o traballo docente que se desprega aquí, pero tamén as nosas capacidades organizativas”.

Sobre o interese deste evento, os seus responsables sinalan como “o intercambio de ideas e experiencias que se producirá nas xornadas permitirá, en última instancia, unha mellor adquisición das competencias, habilidades e destrezas necesarias para os estudantes e, en definitiva, a mellora dos resultados académicos”. Ao mesmo tempo, engaden, a participación activa do profesorado na elaboración e difusión de novas prácticas docentes mellora a súa formación e a calidade da súa docencia. “O éxito destas xornadas ao longo de máis dunha década é a mellor proba de que a cooperación no ámbito docente constitúe unha experiencia enriquecedora para todos os participantes”, apuntan desde a organización da cita. 

Conferencias, mesas e un premio

As XII Xornadas de Docencia en Economía serán inauguradas polos presidentes do seu comité, Santiago Lago e Alberto Vaquero, e coa conferencia Proxecto CORE: presente e futuro, a cargo do profesor Antonio Cabrales, da University College of London. Durante toda a sesión do xoves celebraranse seminarios virtuais centrados en cada unha das nove áreas nas que se desenvolve esta cita e que pretenden integrar as distintas áreas que conforman os estudos de economía e materias afíns: contabilidade e finanzas; econometría; economía aplicada; empresa familiar; estatística e matemáticas; historia económica; macroeconomía; microeconomía e organización de empresas e márketing. Na xornada do venres, o programa inclúe unha mesa redonda sobre inserción laboral de graduados e graduadas de Economía e ADE moderada por Santiago Lago e que contará coa participación dos profesores Juan Carlos de Margarida, María Bastida e Francisco Pérez.

Nesta edición, o evento repetirá a convocatoria do Premio e-pública, que consiste nun diploma e a publicación na revista e-pública daqueles traballos que amosen a maior calidade e relevancia no ámbito da docencia “da análise económica da intervención do sector público na actividade económica”.