Día Mundial da Bicicleta 2021

UVigo – Social responsability agenda 2030 03/06/2021

No ano 2018 a Organización das Nacións Unidas (ONU) estableceu de maneira oficial o 3 de xuño como o Día Internacional da Bicicleta. Con anterioridade, este día celebrábase o 19 de abril en honor do químico suízo Albert Hofmann e da súa volta á casa en bicicleta en 1943, ao estaren prohibidos os vehículos de motor polas restricións da guerra.

Con esta conmemoración, a ONU anima os Estados membros a incluír a bicicleta nos seus plans de desenvolvemento e de deseño de infraestruturas sostibles de mobilidade e de transporte para así conseguir fomentar o seu uso da bicicleta na sociedade.

A bicicleta é un medio de transporte creado no século XIX que, desde entón, non deixou de evolucionar. Co paso do tempo o seu emprego volveuse cada vez máis popular, sobre todo debido aos beneficios de saúde que xera nas persoas usuarios e á crecente preocupación polo cambio climático.

O uso e o desprazamento en bicicleta está relacionado con varios dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da Axenda 2030. Por unha banda, como medio de transporte contribúe a fortalecer e a mellorar a saúde física e mental. En consecuencia, axuda a reducir o risco de padecer enfermidades físicas relacionadas co corazón, os derrames cerebrais, a diabetes ou algúns tipos de cancro, así como outras de tipo mental como a depresión, o estrés ou a ansiedade (ODS 3). Por outra banda, a bicicleta é un medio de transporte 100 % limpo. Isto quere dicir que non crea contaminación acústica e que non expulsa ningún tipo de emisións contaminantes. O uso da bicicleta en vez dun coche, por exemplo, permite reducir os atascos e as emisións de carbono nas grandes cidades. Deste xeito, axuda a mellorar a calidade do aire e a reducir o ruído, e ten unha influencia positiva na calidade de vida dos seus habitantes. Ademais, a bicicleta é un medio de transporte seguro, accesible e sostible, que mellora a seguridade vial e evita accidentes (ODS 11 e 13). Por último, tamén facilita o acceso á educación, pois é un medio de transporte económico e un dos máis empregados polas persoas con poucos recursos que lles permite desprazarse ata os centros educativos ou de saúde, favorecendo a súa inclusión na sociedade (ODS 1, 4 e 10).

Podemos concluír que a bicicleta é o medio de transporte máis saudable, accesible e sostible e que fomentar o seu uso axudará a acadar os obxectivos da Axenda 2030. Para celebrar este día, animámosvos a saír á rúa, a utilizar a bicicleta e a convertela no voso medio de transporte habitual. 

A Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, celebra hoxe un acto para conmemorar este día no campus de Pontevedra.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal