Día Mundial das Persoas Refuxiadas  2021

UVigo – Social responsability agenda 2030 18/06/2021

Cada minuto vinte e catro persoas déixano todo para fuxir das guerras, das persecucións e da violencia que viven nos seus países de orixe. O Día Mundial das Persoas Refuxiadas conmemórase cada 20 de xuño para enaltecer a forza e a coraxe destas persoas que se ven obrigadas a abandonar o seus fogar en busca dunha vida mellor.

Esta celebración realízase desde o ano 2001 con motivo do 50 aniversario da Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados de 1951. A pesar de coñecer os motivos polos que estas persoas se desprazan, cando chegan a novos países en busca de segundas oportunidades, atópanse con números problemas sociais que dificultan a súa integración. A xenofobia e o racismo seguen estando presentes nas rúas, teñen dificultades para recibir atención médica, son excluídas do mercado laboral e atópanse con dificultades para acceder ao sistema educativo. É por isto que cómpre mellorar e unificar os criterios para a aplicación de políticas sanitarias, educativas e sociais por parte das nacións de acollida. Este ano, a campaña desenvolta pola Axenda da ONU para os Refuxiados (Acnur) seleccionou como lema «Xuntos coidámonos, aprendemos e brillamos». O seu obxectivo é promover o acceso das persoas refuxiadas ao sistema educativo e que gocen dos servizos de saúde como a atención médica primaria e especializada, os servizos nutricionais, de saúde mental, sexual e reprodutiva. 

Desde a Área de Responsabilidade Social, tendo en conta os obxectivos 16 «Paz, xustiza e institucións sólidas» e 10 «Redución das desigualdades», queremos transmitirlle á comunidade universitaria a importancia de pertencer a un sistema educativo que valore a riqueza da diversidade cultural. As universidades temos a responsabilidade de formar e de educar a profesionais de todos os campos do saber sen reproducir ideoloxías e prácticas de discriminación. Cada estudante influirá na vida social desde distintos postos de traballo e a educación que leve consigo será unha ferramenta que contribúa a erradicar o racismo e a xenofobia aínda presentes na sociedade.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal