Axenda 2030

Día das Nacións Unidas para a Cooperación Sur-Sur

12 de setembro

UVigo – Social responsability agenda 2030 05/09/2019

A cooperación, un valor seguro para o desenvolvemento sostible

A cooperación é un dos piares que fundamentan as relacións internacionais.

No mes de setembro, contamos con dúas datas emblemáticas nas que se rende homenaxe á cooperación. Desde 2006, cada 8 de setembro, conmemoramos o Día das Persoas Cooperantes para recoñecer o traballo desenvolvido, nos máis variados ámbitos, polas e polos cooperantes na mellora das condicións de vida dos países máis desfavorecidos. 
A elección deste día non foi casual: a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) estableceu esta data para recordar a sinatura no ano 2000 dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio por parte das Nacións Unidas, a primeira alianza mundial na historia para reducir a pobreza. Estes obxectivos inspirarán posteriormente os actuais Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Por outra banda, desde 2012, cada 12 de setembro celébrase o Día das Nacións Unidas para a Cooperación Sur-Sur co propósito de rememorar a aprobación en 1978 do primeiro plan de cooperación específico entre os países en desenvolvemento. Este tipo de accións buscan que os países colaboren para acadar mutuamente un desenvolvemento sostible aproveitando as súas propias capacidades técnicas e financeiras.

A Axenda 2030 sitúa a cooperación nun lugar preferente para lograr os ODS. Así aparece reflectido nas metas do obxectivo 17 nas que se fai un chamamento para revitalizar a Alianza Mundial para o Desenvolvemento Sostible mediante a cooperación e os compromisos multilaterais no eido financeiro, tecnolóxico e comercial e na mellora da coherencia das normas, as institucións e as políticas.

A Universidade de Vigo recoñece a importancia da cooperación así como o traballo e o compromiso daqueles profesionais que ao servizo dunha entidade promotora da cooperación internacional están a traballar sobre o terreo para diminuír a pobreza, combater as desigualdades, protexer o medio ambiente e contribuír a crear sociedades máis xustas.

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal