Acceso e uso responsable das bibliotecas universitarias

UVigo - Library 04/03/2021

Na súa reunión do pasado 3 de febreiro de 2021, a Comisión da Biblioteca, o órgano colexiado consultivo do reitor e do Consello de Goberno en materia de política bibliotecaria, examinou as medidas adoptadas pola Biblioteca Universitaria ante a propagación da covid-19.

A este respecto, o persoal das bibliotecas constatou que hai persoas usuarias que ceden as súas tarxetas universitarias intelixentes (TUI) a outras persoas ou que falsifican carnés da Biblioteca Universitaria co obxecto de eludir a limitación de acceso ás bibliotecas para as persoas alleas á comunidade universitaria.  
 
Á vista desta circunstancia, a comisión acordou emitir o presente comunicado para facer un chamamento á responsabilidade das persoas que utilizan as bibliotecas da Universidade de Vigo para cumprir coas medidas fronte ao coronavirus.

Neste sentido, lembrámosvos que a acreditación da identidade dos usuarios e usuarias na asignación dun posto de estudo responde á necesidade de dispoñer dos datos de contacto das persoas que se poidan ver afectadas por un contaxio no interior das bibliotecas para, en tal caso, poñelos ao dispor das autoridades sanitarias.

Suplantar identidades ou violar a intransferibilidade das TUI ou dos carnés da Biblioteca, á parte das consecuencias legais que iso poida comportar, entraña un grave risco para a saúde pública xa que impide trazar debidamente eventuais contaxios ao non dispoñerse de información fidedigna sobre a persoa ou as persoas que nun momento dado ocuparon un posto bibliotecario.