O reitor en funcións participou na entrega de diplomas do curso da Deputación

Completa a súa formación a primeira promoción de mestres composteiros con título propio da Universidade

Recoñecido como un curso de formación pola institución académica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 31/05/2018

Despois de seis semanas de formación co propósito de especializalas e especializalos na xestión de residuos orgánicos de orixe doméstica, as e os participantes na terceira edición do curso impulsado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza recibiron este mediodía os seus diplomas de mestras e mestres composteiros. Preto de 30 alumnos e alumnas que se converten así mesmo nos primeiros que ven recoñecida a súa formación cun título propio da Universidade de Vigo, na categoría de cursos de formación, como se puxo de relevo no acto celebrado este xoves no Pazo Provincial, coa participación xunto ao vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, e a deputada provincial Eva Villaverde. do reitor en funcións, Salustiano Mato.

“Como reitor quero agradecer a Deputación esta iniciativa, xa que para nós é moi importante a complicidade de todas as institucións para fornecer a estudantes e titulados de iniciativas que lles permitan complementar a súa formación, especializala e darlle un acento que permita oportunidades de traballo dignas e ilusionantes”, salientou Mato nun acto no que tamén puxo de relevo a importancia de formar persoal especializado “nalgo que debe ser unha pauta constante neste século XXI, a economía circular”. Nese mesmo senso, o vicepresidente provincial puxo de relevo o valor deste programa formativo, xa que “ata onde sabemos non hai persoal formado sistematicamente neste asunto, cada vez máis necesario”.