Segundo indica un informe presentado polo Grupo Gen da Universidade

O esforzo realizado por España en políticas para a familia é a cuarta parte que a media europea

Recalcan as “insuficientes medidas” existentes para a conciliación

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 01/06/2018

O Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo presentou este venres en Santiago de Compostela un novo informe, titulado neste caso As políticas de familia en España: unha perspectiva comparada, asinado por Alberto Vaquero e Santiago Lago coa colaboración de Lucía Ferreira. Nel destácase como “o esforzo realizado por España en políticas á familia é a cuarta parte que a media dos países da Unión Europea”.

O documento contou na presentación coa participación de, ademais dos autores e autora, de Ramón Sarmiento, secretario xeral de Comisións Obreiras, e José Manuel Trigo, vicepresidente da Asociación Galega de Familias Numerosas. En España, sinálase no informe, “adoecemos dun grave problema de natalidade e de conciliación de vida familiar e actividade laboral”. As estruturas da familia, detallan os autores do documento, cambiaron substancialmente pola progresiva incorporación das mulleres ao mercado de traballo e a mobilidade dos traballadores, o que dificulta que a familia desempeñe ese papel tradicional do coidado dos fillos e fillas en España. “A poboación envellece e a natalidade non permite manter un equilibrio entre xeracións”, advirten.

Prestacións

“As familias españolas queren ter fillos. Con todo, o noso país é o segundo da OCDE con maior discrepancia entre preferencias e materialización en natalidade. A reducida calidade no emprego lastra os desexos por aumentar o tamaño familiar”, sinalan en nota de prensa desde o Grupo Gen. España, “claro exemplo do modelo mediterráneo de protección ás familias”, recóllese no informe, caracterízase por un gasto público (1,5% do PIB en 2013) moi por debaixo da media da UE (2,7%). En prestacións económicas para as familias ocupa as últimas posicións da OCDE e a UE, presentando ademais un esforzo medio-baixo no gasto público en bens e servizos ás familias e desgravacións fiscais moi reducidas. “É necesario un incremento do investimento público en políticas de familia (polo menos 1,2 puntos do PIB), para alcanzar a media dos países da UE nun prazo de cinco anos”, afirman os autores, profesores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Segundo o informe presentando, no chanzo autonómico de goberno “maniféstanse diferentes sensibilidades no apoio ás familias. Aínda que non sempre foi posible coñecer o importe autonómico destinado (o que non deixa de ser un indicador da relevancia dada en cada caso), a protección á familia é comparativamente máis intensa en Galicia, Castela e León e a Comunidade Valenciana”.

Propostas de mellora

O documento tamén recolle propostas de mellora para o futuro no tema de análise. “É preciso contar con instrumentos para avaliar con independencia política e capacidade técnica, cualitativamente e cuantitativamente, as actuacións levadas a cabo na atención á familia. É necesario propor novas iniciativas que reforcen o apoio ás familias”, afirman en nota de prensa. Para iso, detallan desde o Grupo Gen, “é imprescindible moita máis transparencia na información sobre políticas de familia, que inclúa orzamentos detallados a nivel fiscal e do gasto para as familias, así como as medidas regulatorias tanto a nivel estatal como autonómico”. “Toca avogar por horarios laborais máis razoables e incentivar medidas de conciliación familiar nas empresas, todo iso no marco da responsabilidade social. En España segue sendo moi complicado compatibilizar traballo con familia”, advirten os autores e autora do documento.

No ámbito fiscal no informe proponse cando menos duplicar as deducións tributarias por fillos ou filla no IRPF co obxectivo de ter en conta a redución real na capacidade económica familiar que teñen as familias con máis descendentes. Ademais, engaden, “para aqueles casos de contribuíntes non obrigados a declarar, é necesario articular un sistema de subvencións similar ao que se aplica ás familias numerosas”.

Emancipación

Por último, desde o Grupo Gen tamén salienta a necesidade de “facilitar a emancipación dos mozos”. En España, detallan, a idade media estimada de saída do fogar é de 29 anos, case tres anos máis que a media europea, e en 2016 o 54% dos mozos españois entre 25 e 29 anos vivían cos seus pais. “Este proceso de emancipación só é posible a través de melloras no acceso á vivenda e na calidade do emprego”, sinalan. Para acadalo, indican que “é preciso que as axudas á compra de vivenda vaian perdendo intensidade e, a cambio, abaratar o aluguer e ampliar a oferta de vivenda a través dos fondos de investimento destinados ao aluguer e os parques municipais de vivenda para os máis novos”. Ademais, recalcan, “a calidade do emprego é clave, especialmente no que concirne á estabilidade laboral”.