Asinado polo exdirector da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Benito Vázquez Dorrío

Un experimento vigués con pompas de xabón triunfa na final nacional de Ciencia en Acción

Empregou as cores para explicar o funcionamento básico do ollo humano

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Académica
D. Besadío DUVI 11/10/2018

“Por empregar obxectos tan fráxiles como as pompas de xabón para introducir de forma moi atractiva a todo o público conceptos físicos relacionados coa luz: reflexión, refracción e interferencias, así como o funcionamento básico do ollo humano”. Así argumenta o xurado do certame Ciencia en Acción 2018 a concesión do 1º premio Ex Aequo ao traballo  Uno de los interferómetros más sencillos del mundo: nanotecnología de salón, do profesor e exdirector da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía José Benito Vázquez Dorrío.

A entrega de premios tivo lugar na cidade barcelonesa de Viladecans e ata alí se desprazou Vázquez Dorrío, quen, xa de volta no campus, explica que a concesión deste galardón supón entrar directamente na final de Science on Stage, un concurso internacional do ámbito STEM –acrónimo en inglés para designar as disciplinas académicas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas- para todos os países do mundo, xa que no caso de Ciencia en Acción a participación limitábase a países de fala hispana e portuguesa, con importantes contribucións este ano de centros de México, Arxentina, Chile ou Perú. “Un premio así, que se concede anualmente, permite facer visible o noso traballo docente e, sobre todo, intercambiar coñecementos e experiencias con profesorado tan interesado coma nós no ensino da ciencia facendo ciencia”, explica o docente, ao que engade que o premio se entregou na modalidade Demostraciones de Física, “unha das máis competitivas, pois as demostracións nesta disciplina teñen unha longa tradición e os traballos que se presentan teñen un nivel moi alto”.

En máis de 50 centros educativos de toda Galicia

Neste caso o traballo premiado presenta unha experiencia manipulativa que busca xustificar a existencia das cores secundarias da síntese aditiva de cores (cian-maxenta-amarelo, CMY) nunha pompa de xabón, como exemplo do fenómeno de intereferencia con luz blanca. “A interferencia é un fenómeno propio da interacción entre ondas que podemos introducir nas nosas aulas con experimentos simples con luz visible/luz branca”, explica o autor, que fai tamén fincapé en que se se emprega unha película delgada de xabón situada, por exemplo, nun soporte cilíndrico negro, pódese explorar interferencias construtivas e destrutivas nunha actividade práctica a escala nanométrica mediante a observación de diferentes bandas de cor (cian, maxenta e amarelo) que dependen do grosor da película. 

Esta actividade pode, segundo o profesor vigués, asociarse facilmente con conceptos como percepción visual, cor, lonxitude de onda, diferenza de traxectoria óptica, cambio de fase, polarización, coherencia, etc. “Os resultados obtidos tamén poden relacionarse coa investigación de metroloxía en interferometría ultrasensible, como a detección recente de ondas gravitacionais ou a que facemos nos nosos laboratorios na Universidade de Vigo”, recalca Vázquez Dorrío.


Desenvolta ao longo dos dous últimos anos de xeito ininterrompido, os materiais empregados nesta demostración  foron xa presentados en máis de medio cento de conferencias experimentais gratuítas sobre Física Re-Creativa impartidas por Vázquez en diversos centros de ensino medio e bacharelato de toda Galicia, actividades que forman parte da ampla oferta divulgativa da EE de Minas e Enerxía.

A UVigo xa recibira varias mencións na edición 2016 destes premios

Dirixido a estudantes, profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica, o principal obxectivo de Ciencia en Acción é presentar a ciencia dunha maneira atractiva e motivadora, de xeito que a sociedade e, especialmente, a xuventude, se interesen por ela. No caso da Universidade de Vigo, xa quedara finalista en 2016 na modalidade de Física e Sociedade coa Semana da Ciencia, unha proposta de divulgación organizada na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía durante 10 anos. A maiores, tamén nesa edición, a web Actividades manipulativas en liña para a aprendizaxe da Física nos graos en enxeñaría, impulsada polo grupo de innovación docente de Aprendizaxe Manipulativo da Física liderado por Vázquez Dorrío, recibira a Mención de Honra na modalidade Materiais didácticos de ciencias en soporte interacivo (Premio IBM). 


Xunto a estes dous recoñecementos, a edición 2016 de Ciencia en Acción trouxera tamén para Vigo outra Mención de Honra, neste caso na modalidade Traballos de divulgación científica. Libros, revistas e redes sociais ao traballo Ciencia que Conta, impulsado polos profesores da Universidade de Vigo Pío Manuel González, Eduardo García, Julia Serra, Stefano Chiussi e Paulino Pérez, “por ser un concurso de relatos científicos de gran participación e cun claro compromiso da comunidade escolar galega e as súas familias pola ciencia”.