Este mércores rematou a Olimpíada Solidaria de Estudo

2439 horas na biblioteca convértense en 2439 euros solidarios

Mantense aberta a campaña de recollida de alimentos, xoguetes e libros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Democracia
  • Divulgación
  • Estudantes
DUVI Ourense 05/12/2018

2439 horas de estudo que se converten en euros para unha causa solidaria, concretamente para a construción de aulas na escola Arco Iris de Saly Velingara, en Senegal. Este é o balance da participación do campus de Ourense na Olimpíada Solidaria de Estudo, que este mércores pechou a súa edición de 2018.

Desde o pasado 5 de novembro o campus uniuse un ano máis a esta celebración internacional organizada por ONGD Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC, acollendo un dos seus postos na Biblioteca Rosalía de Castro. Desde a Oficina de Voluntariado do campus agradecen a colaboración das persoas que ao longo destas semanas se animaron a participar e apuntaron no espazo habilitado na entrada da biblioteca o número de horas de estudo realizadas nas súas instalacións. As empresas colaboradoras na iniciativa transformarán agora esas horas en diñeiro para proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Coas horas de estudo reunidas en España apoiarase a construción de aulas de Educación Primaria na escola Arco Iris de Saly Velingara, en Senegal. Co diñeiro recadado nesta 16ª Olimpíada Solidaria de Estudo está previsto a construción de seis novas aulas, de 20 alumnos e alumnas por clase, que integrarán o ciclo oficial de ensino de seis a once anos, de acordo coas normas ditadas polo Ministerio de Educación senegalés, estando o profesorado formado integramente por profesionais do ensino con acreditación de título oficial.

Campaña de recollida de Nadal

Desde a Oficina de Voluntariado do campus lembran tamén como está en marcha a recollida solidaria de alimentos, xoguetes e libros para axudar ás familias máis necesitadas a ter un mellor Nadal. Ata o día 14 de decembro, os membros da comunidade universitaria poden deixar as súas doazóns nos espazos habilitados á entrada de cada edificio universitario. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer.

Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan aceite, leite, conservas, alimentos infantís e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas. Os puntos de recollida de ambos produtos están habilitados nas entradas do edificio Xurídico-Empresarial, a biblioteca, o pavillón de deportes, o edificio Politécnico e o Edificio de Ferro. Nos carriños habilitados tanto os membros da comunidade universitaria coma os cidadáns en xeral poden deixar as súas doazóns.