Carles Murillo, expresidente da Comisión Económica do FC Barcelona, afondou neste tema no campus
Detrás dun gran club de fútbol, éxito deportivo e estratexia empresarial
No marco dun curso organizado na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo
A profesionalización, a clave
Murillo foi un dos convidados este venres a participar nunha nova quenda de sesións do curso que organiza o grupo de xestión económica do deporte da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e que reúne a responsables de destacadas citas e entidades deportivas para explicar o traballo organizativo e de xestión que realizan. “No caso do Barcelona a clave está no cambio de modelo organizativo e de xestión que se produciu cando Joan Laporta asumiu a presidencia do club en 2003 e que consistiu basicamente na súa profesionalización”, apuntou o catedrático.Segundo explicou o expresidente da Comisión Económica do FC Barcelona, o que se fixo nese momento foi adoptar un modelo no que primaba, antes que ser amantes deste deporte, ser profesionais coas capacidades axeitadas para dirixir e xestionar as súas funcións. “Fíxose un plan de empresa, unha estratexia empresarial e marcáronse uns obxectivos. En cada área, fose a administrativa, a loxística ou as instalacións, se comezou a pedir resultados, a facer seguimento do seu cumprimento de obxectivos. Non só interesaban os resultados deportivos, senón tamén os de cada departamento”, comentou Murillo Fort. Do mesmo xeito que se profesionalizou a organización e a xestión, apuntou, aos xogadores tamén se lles comezou a incentivar poñendo en marcha complementos aos soldos segundo a produtividade.
“Os resultados deste cambio de modelo foron moi positivos, pasando na lista de Deloitte do número trece naquel entón aos postos de cabeza nos últimos anos. Agora é maior o éxito deportivo, a masa social que segue ao equipo e o seus resultados económicos”, subliñou Carles Murillo. Para o docente, “conseguir ser unha marca internacional de éxito como o é o Fútbol Club Barcelona non se consegue só con resultados no campo, require estratexia, márketing, coidar as mensaxes que se transmiten, os valores cos que se asocia ao equipo e moito máis”. Salientando que o investimento en talento que fai o club lle ten dado bos resultados, sinalou tamén que xunto aos beneficios que reportan os éxitos nas competicións están moitos outros ingresos complementarios, como a potenciación da asistencia do público ao estadio e a explotación das instalacións e da marca.