Primeiros acordos con Cambridge University Press e Oxford University Press para publicar en aberto
O Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG), constituído polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña e a Xunta de Galicia, asinou os seus primeiros acordos transformativos con Cambridge University Press e con Oxford University Press.
Estes acordos, que se inscriben no marco do apoio á ciencia aberta (Open Science), supoñen un cambio no modelo de contrato coas editoriais. Ademais do acceso ás revistas da editorial, inclúese o pago dos custos de procesamento de artigos ou de APC (Article Processing Charges). É o que se coñece como «ler e publicar» (Read & Publish).
Concretamente, permiten o acceso a todas as revistas de ambas as dúas editoriais, ao tempo que posibilitan que os autores e autoras da universidade poidan publicar en acceso aberto en todas as revistas de acceso aberto dourado (Gold OA) e híbridas (Hybrid OA) cubrindo o pago do 100 % das taxas de publicación (APC).
Para beneficiarse dos descontos nos APC:
- O autor ou autora da correspondencia (corresponding author) deberá ser membro da Universidade de Vigo e identificarse como tal mediante o seu correo institucional.
- Cómpre ter un artigo aceptado para a súa publicación entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.
As persoas beneficiarias comprométense a:
- Facer constar no artigo a filiación normalizada segundo o Protocolo de normalización da filiación institucional da Universidade de Vigo.
- Incluír nos agradecementos unha mención ao financiamento recibido pola Universidade de Vigo e polo CISUG.
- Depositar a versión publicada do artigo no repositorio institucional Investigo para incrementar a súa visibilidade e garantir á súa preservación a longo prazo.
Máis información nas guías:
- Publicar en acceso aberto en Cambridge University Press
- Publicar en acceso aberto en Oxford University Press
- Acordos transformativos para publicar en acceso aberto
A Biblioteca Universitaria encargarase de xestionar as solicitudes e ofrecerá soporte e asesoramento sobre o procedemento que seguir.
As consultas pódense realizar a través do enderezo accesoaberto.biblioteca@uvigo.gal
Novas relacionadas
- O Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia asinou ou os seus primeiros acordos transformativos coas editoriais Cambridge University Press e Oxford
University Press (CISUG) - CISUG asina os primeiros acordos transformativos coas editoriais Cambridge University Press e Oxford University Press (Duvi)