DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recolle os 186.000 científicos máis influentes en 22 campos e 175 ‘subcampos’

29 representantes da UVigo no ránking de investigadores máis citados da Universidade de Stanford

David Posada é o décimo autor máis citado no mundo na área de Bioloxía Evolutiva

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 25/10/2021

29 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo forman parte do 2% de científicos máis citados do mundo, segundo se pode extraer da máis recente actualización do ránking elaborado pola Universidade de Stanford, que reúne nunha base de datos aos 186.000 científicos e científicas máis influentes en 22 campos e 176 ‘subcampos’. O catedrático David Posada sitúase un ano máis á fronte da representación da Universidade de Vigo neste ránking, no que figura entre os 700 investigadores e investigadoras citados no mundo, sendo tamén o décimo máis referenciado no campo da Bioloxía Evolutiva e o primeiro en España neste eido.

Elaborada por John P. A. Ioannidis, da Stanford University, xunto con Kevin W. Boyack, de SciTech Strategies, e Jeroen Bass, de Elsevier, esta base de datos ten como obxectivo proporcionar “información estandarizada” sobre o número de citas, a partires dun indicador creado para este proxecto e co que establecen dúas clasificacións de investigadores e investigadoras, tendo en conta ou non as autocitas a traballos previos. A súa última actualización, publicada recentemente por Plos Biology, sitúa 29 investigadores e investigadoras da UVigo entre os máis citados do mundo ao longo da súa traxectoria e un total de 36 no que referido á produción científica no ano 2020.

29 autores e autoras destacados en 17 áreas

Con 158 publicacións, ás que se fixo referencia en 64.416 artigos entre 1996 e 2020, o investigador do Cinbio David Posada encabeza a representación da UVigo nesta listaxe, sendo o décimo investigador do mundo e o primeiro de España no campo da Bioloxía Evolutiva, no que o investigador do CIM-UVigo Armando Caballero é o cuarto autor español máis citado e o 456 do mundo.

Tras ser seleccionado no programa de captación de talento HCR da UVigo 2020, o investigador chinés Jianbo Xiao convértese no segundo investigador máis destacado da institución neste ránking, situándose no posto 113 no campo de Ciencia dos Alimentos, ámbito no que o catedrático Jesús Simal Gándara ocupa o posto 232 do mundo e Herminia Domínguez o 373. A investigadora do Cinbio Isabel Pastoriza volve ser, por outra banda, a científica máis destacada da UVigo neste ránking, situándose entre as 900 máis citadas no ámbito da Nanociencia e Nanotecnoloxía, no que tamén figura Jorge Pérez Juste. 

Así mesmo, o investigador do Cinbio Juan Carlos Parajo ocupa o posto 138 no apartado de Biotecnoloxía, mentres que José Manuel Domínguez (CIM-UVigo) figura no posto 366, formando parte tamén dos seleccionados nesta área a investigadora do Cintecx María Ángeles Sanromán e Gil Garrote. No campo de Agronomía e Agricultura, o investigador do CIM Jorge Domínguez atópase entre os 300 máis citados e nesta área aparece tamén María José Briones, mentres que entre os máis citados no campo da Bioloxía Mariña e Hidrobioloxía figura o tamén membro do CIM Emilio Marañón. Por outra banda, o catedrático Carlos Lago forma parte dos 250 científicos do mundo máis citados no eido das Ciencias do Deporte. Na área de Química Analítica, sitúanse neste ránking os investigadores do CIM Carlos Bendicho e Francisco Pena Pereira, mentres en Ciencias Medioambientais a UVigo está representada por Ricardo Beiras (CIM-UVigo) e Claudio Cameselle. Tamén investigador do CIM, Alberto Velando figura entre os 500 autores máis citados de Ciencias do Comportamento e Psicoloxía Comparada, mentres que o catedrático Adolfo Cordero atópase entre os 400 investigadores máis referenciados en Entomoloxía. 

Por outra banda, o investigador do CIM José Luis Soengas é o único investigador español da área de Fisioloxía neste ránking, no que tamén está presentes Eduardo Liz, na área de Matemáticas Xerais. No apartado de Enerxía forma parte desta escolma Andrés Feijóo Lorenzo e Ana Rodríguez faino na de Enxeñaría Química. A representación da UVigo neste ránking complétase co investigador de AtlanTTic Roberto López Valcarce e con Óscar López, Jesús Doval e Alejandro Yepes na área de Enxeñaría Eléctrica e Electrónica.

En 2020, catro investigadores lideraron as súas áreas en España

24 destes 29 investigadores e investigadoras forman parte así mesmo do ránking que fai referencia á produción científica en 2020, ano no que 36 representantes da Universidade de Vigo formaron parte dese 2% de científicos máis citados. No referido ao pasado exercicio, David Posada foi o sétimo autor do mundo e o primeiro español na súa área, mentres que Jianbo Xiao situouse á fronte dos investigadores en Ciencias do Alimentos en España, ámbito no que tamén están presentes nesta lista Jesús Simal Gándara, Herminia Domínguez, Patricia Reboredo, Beatriz Gullón e Tamara Forbes. Por outra banda, en Ciencias do Deporte, o catedrático Carlos Lago foi en 2020 o investigador español máis citado, ao que se suma o feito de que José Luis Soengas fose o único seleccionado en España na área de Fisioloxía, o que fai sexan catro os investigadores da UVigo que figuran como os máis influentes o pasado ano no conxunto do Estado. 

Por outra banda, o investigador do CIM-UVigo Ramón Gómez Gesteira ocupa o segundo posto en España no ránking de Oceanografía, do que tamén forma parte Alejandro Crespo, tamén do CIM. Así mesmo, a listaxe referida ao 2020 suma aos investigadores e investigadoras da Universidade destacados pola súa traxectoria os nomes de Luis Gimeno (Meteoroloxía e Ciencias Atmosféricas), Leandro Alejano (Enxeñaría Xeolóxica e Xeomática), Marcos Curty (Óptica), José Fernández Seara (Enxeñaría Mecánica), Isela Lavila (Química Analítica), Mohamed Boutinguiza (Optoelectrónica e Fotónica) e Ana Vidal (Enxeñaría Eléctrica e Electrónica).