DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas en liña enmarcadas no Programa de Captación de Talento do ministerio

A administración pública busca canteira entre o alumnado que está a piques de titularse

Haberá charlas informativas todos os venres do mes de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 05/11/2021

A falta de canteira, sobre todo nos niveis máis altos da Administración, é unha das preocupacións que levou á Dirección General de la Función Pública –Ministerio de Política Territorial- a pór en marcha un Programa de Captación de Talento, unha iniciativa coa que mellorar a imaxe da Administración Xeral do Estado como empregadora e coa que garantir a incorporación de suficientes persoas no sector público capaces de desenvolver con éxito os mellores servizos públicos. Neste contexto, este venres arrancaron na Universidade de Vigo as Xornadas de captación de talento na función pública, un ciclo de catro sesións informativas que se levarán a cabo a través de Campus Remoto todos os venres de novembro como parte do programa Outonos Empregables, organizado pola Área de Emprego e Emprendemento.

Esta primeira sesión do ciclo centrouse na Unidade de Funcionarios Internacionais e nela contouse coa participación da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria Natalia Caparrini que, tras darlle á benvida ás persoas asistentes, insistiu na idea de que a empregabilidade das persoas egresadas é un dos factores que máis preocupa aos responsables universitarios. “Con esta xornada queremos darlle ao noso estudantado e egresados as diferentes saídas profesionais que ofrece o sector público”, salientou Caparrini, que se referiu ao emprego público como un emprego de calidade, estable, con posibilidade de promoción e, ademais, con vontade de servir á sociedade. “Queremos informarvos para que poidades decidir o voso futuro e para poder facelo tendes que saber todas as alternativas que tendes ao voso dispor”, resaltoulles aos estudantes inscritos nas charlas.

1ª sesión: funcionarado internacional

Para escoitar de primeira man as oportunidades de traballo do funcionariado internacional contouse coa participación de Juan Gala, director da Unidade de Funcionarios Internacionais do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, que centrou a súa intervención nas oportunidades e saídas profesionais en organizacións Internacionais; Margarita Boo, da Embaixada de España no Líbano, que fixo unha introdución xeral á carreira diplomática, e César Pla, da Unidade de Apoio para a presencia de españois nas institucións da Unión Europea na Representación Permanente de España ante a Unión Europea, que se centrou nas oportunidades de prácticas laborais e emprego nas diferentes institucións da UE.

As charlas levaranse a cabo todos os venres de novembro en horario de 12.00 a 14.00 horas a través de Campus Remoto. O vindeiro venres día 12 a sesión centrarase na Administración Xeral do Estado; o día 19, na Axencia Estatal da Administración Tributaria, e o día 25 no talento feminino STEM. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da web.