DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves expuxéronos ante profesionais destes eidos

Alumnado de Traballo Social desenvolve seis proxectos no eido da intervención social, o xénero e a violencia

Elaboraron produtos como unha guía de parentalidade positiva e un podcast sobre a reinserción de agr

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 12/05/2022

Ao longo deste segundo cuadrimestre, unha trintena de alumnas e alumnos da materia Xénero, Violencia e Intervención Social, de cuarto curso do Grao de Traballo Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, traballaron arredor do desenvolvemento de produtos innovadores destinados a cubrir unha necesidade detectada na súa comunidade. Este xoves presentaron ante a comunidade universitaria e axentes dos eidos que abranguen as súas propostas os resultados acadados, que van desde unha guía de parentalidade positiva ata un podcast sobre a reinserción de agresores.

Seis proxectos

A presentación fíxose coa celebración da xornada Expo_Proxecto. Do estudo da violencia de xénero con xustiza terapéutica ao desenvolvemento de produtos para a comunidade. A iniciativa, de aprendizaxe servizo, enmarcouse, tal e como explicou a profesora responsable, María José Vázquez Figueiredo, no marco da nova Cátedra Unesco da Universidade de Vigo. “Un dos obxectivos desta cátedra é traballar a favor da paz e da dignidade das persoas e este proxecto tamén tivo ese cometido”, comentou. Na materia, detallou a profesora, e nos seus proxectos, as e os alumnos traballaron aspectos como o benestar nas mulleres, a parentalidade positiva desde a perspectiva de xénero, a reinserción e resocialización de agresores de parella, o sexting e a violencia de xénero na terceira idade. As e os estudantes, tal e como se puido ver na exposición dos seus traballos e como explicou Vázquez Figueiredo, fixeron unha fundamentación teórica baseada en evidencias científicas, estudaron o “construtor ou descritor” de interese, sopesaron que necesidades había arredor del na comunidade e elaboraron un produto que se podía axustar ás necesidades da comunidade. Unha vez elaboradas as súas propostas, avaliáronas e testáronas en poboación de interese en cada caso.

Concretamente foron seis os proxectos expostos este xoves. No eido da intervención con homes que agrediron as súas parellas, elaborouse a proposta Etiquetado vs. Re-socialización, de podcasts nos que se entrevista a cidadáns para comprobar o “etiquetado” deste colectivo unha vez que xa cumpriron as medidas impostas. No eido da violencia de xénero na terceira idade presentouse o produto Normalización da Violencia vs. Rexeitamento da violencia, de recollida de dous testemuños de mulleres maiores vítimas de violencia de xénero, contrapondo un caso no que si houbo denuncia con outro no que non a houbo. Polo que respecta á sensibilización e violencia sexual, presentouse a proposta Tecendo redes pola igualdade, de traballo en Twitter sobre a sexualidade responsable e a non violencia sexual, e na de xénero e relación paternofilial a Guía de parentalidade positiva, con perspectiva de xénero. No eido da violencia de xénero nas redes sociais as e os alumnos expuxeron a iniciativa Sexting Seguro, e no do benestar en vítimas mulleres Da testemuña dos profesionais e das vítimas á atención baseada no respecto dos dereitos da muller, que recolle prácticas neste senso.

Apertura ás entidades

Na xornada celebrada este xoves convidouse a asistir ás presentacións dos proxectos á comunidade universitaria pero tamén a profesionais especializados na aplicación de medidas xudiciais en adolescentes e adultos, “coa finalidade de reforzar a transferencia dos coñecementos adquiridos na materia ao ámbito profesional” e de cara a que o traballo realizado polo alumnado poida ser de utilidade e de aplicación real. Neste senso destacaron desde a organización da actividade a colaboración nela da subdirección do Centro Penitenciario de Pereiro Aguiar e do centro Trama, participando este xoves Carla García, subdirectora xefa do Centro Penitenciario de Pereiro Aguiar, e Félix Estévez, educador social de Trama.

“Estamos aquí para escoitar, para aprender e para coñecer os traballos de investigación e innovación deste alumnado”, comentou Félix Estévez ao inicio da actividade, amosando a súa confianza en que “seguro que moitos dos proxectos terán moita aplicación práctica”. Xunto a el estaba tamén Anxo Valcárcel, do Centro de Intervención Educativa de Medio Aberto, que xestiona Trama e que leva as medidas xudiciais de menores en medio aberto, que non están en centros pechados. “Non só traballamos cos rapaces e rapazas senón tamén coas súas familias e coas súas contornas entón este tipo de exposicións achegan cousas positivas para o noso traballo e para o noso programa”, engadiu Anxo Valcárcel. Os dous coincidiron ademais en destacar a importancia de que, con accións coma a deste xoves, “abrir a universidade ás entidades e á súa colaboración” e que as e os futuros profesionais que agora se forman nas aulas teñan contacto coa realidade fóra delas, que se conecte a formación coa práctica profesional.