DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sábado 21 de maio celebrarase unha ruta e comida de confraternización

Unha andaina solidaria por Ucraína

Organizada polo proxecto Rosalía, Xeitura, Concello de A Pobra de Trives e SOS Ternópil Galitzia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 19/05/2022

Baixo o nome de proxecto Rosalía e a coordinación da catedrática da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Universidade de Vigo María Lameiras, a finais de marzo púxose en marcha unha iniciativa voluntaria e altruísta de acompañamento e apoio psicolóxico a mulleres ucraínas e aos seus fillos e fillas. No marco deste proxecto e coa “colaboración solidaria e imprescindible” de Xeitura, o Concello de A Pobra de Trives e a asociación SOS Ternópil Galitzia, este sábado organízase unha andaina solidaria por Ucraína na contorna de Trives.

Se a primeira fase do proxecto Rosalía, explica María Lameiras, “foi a intervención de crise” a seguinte é “contribuír á integración e empregabilidade das mulleres ucraínas para que poidan vivir de forma autónoma e nas condicións que consideren mellor”. Trátase, apunta, de “traballar en favor do benestar, estimulando a autonomía e a empregabilidade, o camiño para calquera persoa, e a integración”. Esta integración, sinala a catadrática, “implica confraternizar, coñecer xente, convivir, compartir” e nese marco xorde esta andaina solidaria.

A ruta, organizada por Xeitura, será un percorrido 10,5 quilómetros de dificultade media/baixa que pasará polos sequeiros e parte da Vía Nova, seguindo o traxecto Tives, Avós e Pena Folenche. Poden apuntarse a ela todas as persoas que o desexen a partir de 8 anos de idade. Ao finalizar haberá unha comida de confraternización con produtos típicos da zona achegados polo Concello de A Pobra de Trives e de Ucraína, elaborados polas mulleres refuxiadas. Ademais, haberá actividades específicas para nenas e nenos, como talleres de pintura e pintura corporal. As persoas interesadas poden inscribirse na web www.celtiatravel.com. O importe da inscrición e de 10 euros que serán entregados ás mulleres ucraínas. Tamén se pode colaborar sen asistir á andaina abonando o importe da inscrición.