DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación de traballos está aberto ata o 5 de abril

A Área de Normalización Lingüística destina 3600 euros aos premios de poesía, relato curto e tradución literaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Cultura
DUVI 14/03/2019

A Área de Normalización Lingüística busca a creatividade e o talento literario das persoas que forman parte da comunidade universitaria e faino convocando unha nova edición dos Premios de poesía, relato curto e tradución literaria para o ano 2019 ao abeiro do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo para a promoción da lingua galega.

O certame repartirá 3600 euros en premios, 700 para o gañador ou gañadora e dous accésit de 250 euros de cada unha das modalidades. Tanto no premio de poesía como no de relato curto e o de tradución poden participar todos os membros da Universidade de Vigo, non obstante non poderá concorrer na modalidade de tradución literaria o profesorado que imparta docencia nos graos de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Linguas Estranxeiras e Tradución e Interpretación. Os orixinais deberán estar escritos en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega.

Traballos ata o 5 de abril

O prazo de presentación de traballos remata o 5 de abril. Os orixinais presentados nesta convocatoria deberán ser inéditos e non premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Nas modalidades de poesía e de relato curto o tema será libre e as autoras e autores deberán axustarse a un mínimo de 100 versos e máximo de 150 no caso da poesía e dun mínimo de oito folios e máximo de 12 no de relato curso. Na modalidade de tradución literaria, o texto fonte será un texto literario en calquera idioma, cun mínimo de oito páxinas e un máximo de 20.

As e os autores do traballos premiados, que serán seleccionados por un xurado, recibirán o seu galardón no transcurso do acto institucional con motivo do Día das Letras Galegas. Os textos gañadores serán recollidos nunha publicación que edita a Universidade de Vigo en cada convocatoria. 

Máis información da convocatoria