DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Polo seu traballo sobre gobernanza internacional de acuíferos transfronteirizos

A asociación académica de referencia internacional en recursos hídricos premia á profesora Laura Movilla

A investigadora acada o Water Drop Award da International Water Resources Association

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Investigación
DUVI Ourense 15/04/2020

Laura Movilla, profesora axudante doutora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, é a gañadora do Water Drop Award, galardón creado este ano pola International Water Resources Association, a asociación académica de referencia internacional en recursos hídricos. A distinción recoñece o seu traballo investigador no eido da gobernanza internacional dos acuíferos transfronteirizos. 

Acadar este premio, comenta Laura Movilla, especialista en Dereito Internacional do Medio Ambiente, “supón unha satisfacción moi grande, xa que é un recoñecemento a unha investigación desenvolvida durante xa máis de dez anos e no eido no que me iniciei na carreira investigadora, na gobernanza dos problemas ambientais globais”. Este premio, indica a galardoada, “é un recoñecemento moi prestixioso para os que nos dedicamos á investigación sobre a auga”. Ademais de destacar “a satisfacción de ser a primeira española en acadar un premio desta asociación internacional”, Laura Movilla subliña como “tamén é un orgullo que se conceda a unha xurista, xa que moitas veces a investigación que facemos neste eido non é o suficientemente entendida nin recoñecida”, facendo fincapé en como “os problemas ambientais globais son multidimensionais e esixen enfoques multidisciplinares e diálogo entre distintos eidos”. 

Investigación innovadora

A International Water Resources Association, apunta a profesora da Universidade de Vigo, é unha organización educativa sen ánimo de lucro que busca “a mellora continua da toma de decisións sobre os recursos hídricos avanzando na comprensión colectiva dos aspectos físicos, ecolóxicos, químicos, institucionais, sociais e económicos”. Cada tres anos, lembra Laura Movilla, esta entidade concede os Crystal Drop Award, premios que recoñecen a contribución de persoas ou institucións ao uso sostible dos recursos hídricos mundiais. No marco destes galardóns, explica, a asociación creou este ano o Water Drop Award, que “recoñece a profesionais novos, normalmente menores de 35 anos, que fixesen unha contribución innovadora ao sector da auga, incluíndo investigación innovadora, emprendemento ou promoción do perfil dos máis novos”. Os galardóns entregaranse no XVII World Water Congress, que está previsto que se celebre en Daegu, en Corea do Sur, entre o 21 e 25 de setembro. 

Segundo explica Laura Movilla, no seu caso o Water Drop Award recoñece o seu traballo investigador no eido da gobernanza internacional dos recursos hídricos, principalmente dos acuíferos transfronteirizos. Esta temática, lembra, centrou a súa tese de doutoramento, que recibiu o I Premio Adolfo Miaja de la Muela á mellor tese en Dereito Internacional Público, concedido pola Asociación Española de Profesores de Dereito Internacional e Relacións Internacionais. Sobre a importancia desta área de estudo, Laura Movilla, que forma parte da Comisión sobre Acuíferos Transfronteirizos da Asociación Internacional de Hidroxeológos, que traballa en estreita relación con Programa Hidroxeológico Internacional da Unesco, subliña como “os acuíferos transfronteirizos son un recurso natural de extrema relevancia”. 

Nun contexto mundial de crise hídrica e de aumento dos impactos do cambio climático, detalla a investigadora da Universidade de Vigo, “estímase que as augas subterráneas representan ao redor do 97% da auga doce do planeta e son fundamentais para o abastecemento de auga da poboación mundial e dos ecosistemas”. O último inventario realizado baixo os auspicios da Unesco, comenta Laura Movilla, calcula en case 600 o número de acuíferos e masas de auga subterráneas transfronteirizas do planeta, indicando como “existe moita incerteza sobre a extensión, funcionamento e características de moitos deles, aínda que se calcula que máis dun terzo atópanse sobreexplotados e afrontan crecentes problemas de contaminación”. A pesar destes datos e relevancia, subliña a investigadora, “a súa regulación atópase moi pouco desenvolvida e pouco máis dunha ducia destes acuíferos contan con algún tipo de marco de cooperación para a súa xestión entre os estados que os comparten”.