DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lucas López Manuel abordou o impacto do traballo temporal nas prácticas de excelencia operacional 

A Asociación Científica de Economía y Dirección de Empresa premia o traballo dun doutorando de Rede-Ecobas 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Premios
  • Investigar
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 08/07/2021

No ano da súa incorporación ao mundo académico e no que tamén asiste a congresos por vez primeira, o doutorando do programa Análise económica e estratexia empresarial da UVigo Lucas López Manuel recibiu o premio nacional ao mellor artigo na sección de Dirección de operacións e tecnoloxía outorgado no congreso anual da Asociación Científica de Economía e Dirección da Empresa (Acede), que reúne 750 académicos españois da área da empresa. “É un honor e unha sorpresa. Sinceramente, estou aínda chegando ao mundillo e penso que aínda non asimilei o valor que ten isto”, explica o estudante ourensán de doutoramento de Rede-Ecobas. 

Logo de cursar o Grao en Economía na USC, realizar unha estadía Erasmus en Polonia e realizar un mestrado de comercio exterior na Universidad de Valladolid, Lucas López Manuel chegou á UVigo o ano pasado para iniciar os seus estudos de doutoramento. “Agora mesmo estou no primeiro ano de doutoramento, baixo o paraugas de Rede-Ecobas, no programa de Análise económica e estratexia empresarial”, aclara.

Impacto do traballo temporal nas prácticas de excelencia operacional

O artigo, Making a virtue of necessity once again: temporary labor to pusch operational excellence forward, co que Lucas López acadou o premio na sección Dirección de operacións e tecnoloxía do congreso anual de Acede é un traballo no que, xunto aos coatuores e tamén “mentores”, Antonio Sartal e Xosé H. Vázquez, os investigadores exploran cal é o impacto do traballo temporal nas prácticas de excelencia operacional. “Para aqueles non están familiarizados con este termo, a excelencia operacional é un ‘termo paraugas’ que se refire á implementación de prácticas enfocadas a aumentar a eficiencia, (por exemplo, diminuír paróns nas liñas de produción e reducir os desperdicios xerados a través da estandarización de procesos) nas plantas de produción”, detalla o autor do artigo, que sinala que dentro da excelencia operacional, un conxunto de prácticas moi recoñecidas é o lean management, herdado do sistema de produción que deseñou o fabricante de automóbiles xaponés Toyota. 

O artigo premiado insírese nun proxecto no que Lucas e os seus mentores están a traballar desde hai case un ano, pero foi neste 2021 cando o estudante de doutoramento considerou que tiña “a madurez axeitada para empezar a presentalo en congresos. No mundo académico resulta imprescindible obter críticas doutros colegas xa que é a base da nosa aprendizaxe, especialmente cando está comezando”, recoñoce o autor do artigo premiado.