DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recoñecen o labor persoal e profesional das persoas egresadas cunha traxectoria destacada

Búscanse candidatas e candidatos dispostos a facerse coa 2ª edición dos Premios Alumni-UVigo

Hai cinco categorías e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo ata o 9 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/05/2023

Xa está aberto o prazo para participar na segunda edición dos Premios Alumni-UVigo, galardóns cos que a institución académica viguesa busca recoñecer o labor das súas egresadas e egresados que destacan por ter unha traxectoria persoal e profesional que achega valor e ten unha clara vontade de inducir cambios na sociedade. Na primeira edición presentáronse 80 candidaturas e este ano, tal e como destacaron desde a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, a previsión é superar esta cifra.

Establécense cinco categorías -emprendemento, humanidades, impacto social, investigación e traxectoria profesional- e cada unha das persoas premiadas recibirá un galardón e un diploma acreditativo co que a institución e, en particular a súa  comunidade alumni, quere simbolizar o recoñecemento da súa achega á sociedade. O prazo para presentar candidaturas manterase aberto ata ás 23.59 horas do venres 9 de xuño.

A gala final e entrega de premios será o 7 de xullo

Cada persoa só se pode presentar a unha categoría  e, xunto co formulario electrónico de inscrición, deberá achegar un currículo, un pequeno resumo -máximo 100 palabras- dos principais méritos alcanzados que o fan merecedor do premio, así como calquera outra documentación que avale a candidatura (cartas de apoio de terceiros, hemeroteca, certificados de empresa…). Logo un xurado seleccionará a tres finalistas por cada categoría e será a comunidade Alumni-UVigo a que, a través dun sistema de votación telemático, elixirá ao premiado ou premiada en cada unha das modalidades. 

A listaxe de persoas finalistas publicarase antes do 19 de xuño na web Alumni-UVigo e, a partir de aí, abriranse as votacións. As persoas gañadoras daranse a coñecer, ao igual ca na primeira edición, nunha cerimonia pública que, nesta ocasión se celebrará o venres 7 de xullo, previsiblemente no edificio Redeiras.

A quen se premiou no 2022?

En 2022 premiouse, na categoría Emprendemento, a traxectoria profesional da enxeñeira industrial Bibiana Rodiño Janeiro, fundadora e CEO de BETA Implants, empresa de enxeñería que desde 2019 deseña, desenvolve, fabrica e comercializa implantes específicos para traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria. En Humanidades, o premio foi para Martín Rodríguez Vázquez, graduado en Educación Primaria, e cuxos traballos audiovisuais se exhibiron xa en máis de 50 festivais de cinema de todo o mundo.  Pola súa banda, o Premio Alumni-UVigo á mellor Traxectoria Profesional recaeu na enxeñeira María Luz Abeijón Vidal, quen traballou en industrias referentes (automoción, enerxía e petróleo) en distintos países e dirixiu equipos internacionais en cinco continentes. Na categoría Impacto Social o premio foille entregado a Andrea Ruzo García, licenciada en Tradución e interpretación, que leva máis dunha ducia de anos traballando no deseño e na implementación de proxectos de sustentabilidade social e ambiental en todo o mundo.

A profesora e investigadora de Cintecx Belén Riveiro Rodríguez recibiu o Premio Alumni-UVigo Investigación. Enxeñeira técnica forestal e doutora pola Universidade de Vigo, Belén Riveiro foi investigadora principal en varios proxectos en concorrencia competitiva de programas nacionais e internacionais, publicou máis de 80 artigos científicos, e é autora, entre outros méritos, de sete patentes.