Na zona ourensá de Valdeorras producíanse a principios do século XX viños doces artesanais para un consumo familiar. Sen embargo, co paso do tempo e quizais debido ao seu elevado custe, esta tradición foise perdendo. Un século despois, un mercado etnolóxico que demanda produtos de alta calidade, distintos e exclusivos, ofrece unha segunda oportunidade a estes caldos. A Denominación de Orixe Valdeorras e o Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Facultade de Ciencias de Ourense traballan, bebendo desta tradición, na elaboración dun viño tostado con uvas Garnacha Tintorera capaz de competir no mercado internacional do sector. Despois de catro anos de investigación e con moi bos resultados nas catas realizadas ata o momento, a “xoia da coroa” desta denominación xa está lista para que os viticultores da zona aposten por ela de novo.
17/04/2012