DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Foro Económico de Galicia presenta o seu último informe centrado na situación demográfica

Contra a caída poboacional, economía “prateada”

No documento realizan catro propostas para reverter a situación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 15/09/2020

Dinamización económica, potenciación dos servizos socio-sanitarios, impulso e desenvolvemento da silver economy ou economía "prateada" e reforzo das políticas en materia migratoria. Estes son os catro eixos de propostas para revertar a curva poboacional feitas polos expertos do Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, no seu último informe, titulado Dinámica demográfica e cambio de paradigma. Novos escenarios de xestión social do envellecemento.

O documento foi presentado este martes na sede do Consello Económico e Social de Galicia en Santiago de Compostela por Santiago Lago, presidente do Foro e catedrático da UVigo, e dous dos seus coordinadores, Xosé Carlos Arias, catedrático de Política Económica da UVigo, María Cadaval, profesora da Universidade de Santiago de Compostela. O equipo de coordinación do documento está completado tamén polo tamén catedrático da Universidade de Vigo Domingo Docampo e por Francisco Armesto. O estudo, explican os seus responsables, “é o primeiro dunha serie de traballos que en adiante irá realizando e dando a coñecer o equipo Galicia 2040, que puxo recentemente en marcha o Foro Económico de Galicia".

Da economía á inmigración

As propostas dos expertos do Foro Económico de Galicia recollidas neste documento para reconducir os síntomas negativos que, desde hai xa décadas, presenta a curva demográfica galega articúlanse segundo indican desde a entidade sobre catro eixos fundamentais. O primeiro eixo, detallan, “consiste na dinamización económica”, apuntando os autores do traballo como “Galicia debe transitar cara unha economía industrial, dixital e verde que procure un crecemento dinámico”. En segundo lugar, o texto recomenda “a potenciación dos servizos socio-sanitarios”, proporcionando coidados da mesma calidade en todos os ámbitos e "levando adiante unha revolución acompasada no sector sanitario para acabar fusionando as súas prestacións coas sociais nunha área integrada".

En terceiro lugar, o estudo suxire o impulso e desenvolvemento da silver economy ou economía "prateada", salientando a necesidade de desenvolver bens e servizos relacionados coa economía vencellada á terceira idade. Apuntando como se tratado dun ámbito “no que está case todo por facer”, os expertos indican que “abre a porta á especialización de Galicia en áreas de alto valor engadido cun amplo mercado a nivel mundial e en ascenso”. Así, detallan, “servizos financeiros, domótica ou mobilidade das persoas maiores requiren xa na actualidade un investimento en I+D+i que pode converterse en pulo de crecemento e creación de emprego”. En derradeiro termo, os autores avogan por un reforzo das políticas en materia migratoria, “deseñadas a partir dunha diagnose que indica que o saldo migratorio amosa unha feble demografía de Galicia, con escaso crecemento pola vía da inmigración e unha elevada tendencia á saída dos autóctonos”.