DUVI

Diario da Universidade de Vigo

46 persoas realizaron o Camiño Portugués pola Costa desde Vigo

Tras catro etapas, chegada a Compostela

A organización subliña o seu “magnífico” desenvolvemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 18/05/2022

Con emoción, por acadar o reto proposto, e con satisfacción, polo bo desenvolvemento de toda a actividade, as 46 persoas que participaron no Camiño Portugués pola Costa desde Vigo chegaron este martes a Santiago de Compostela e recolleron a súa Compostela. Con esta iniciativa, a institución académica uniuse á conmemoración neste 2022 do Ano Xacobeo.

As rutas culturais organizadas neste segundo cuadrimestre pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Uvigo estiveron centradas na realización de tramos de cinco dos Camiños a Santiago de Compostela. Como colofón a esa programación, do 14 ao 17 de maio decidiron percorrer o Camiño Portugués pola Costa desde Vigo e ata Santiago de Compostela. A institución académica, desde o ano 1999, ven realizando en cada Xacobeo o Camiño da Vía da Prata, apostando nesta ocasión polo Camiño Portugués pola Costa por ser un dos de maior afluencia na actualidade.

Valoración moi positiva

José García-Calvo, Willy, coordinador destas rutas desde o campus de Ourense, salienta da actividade realizada que “todo resultou magnífico”, non habendo ningunha incidencia. Das e dos camiñantes destaca que conformaron “un grupo moi homoxéneo” que respondeu “espectacularmente”. “A xente tivo a moral moi alta en todo momento, algo que é de agradecer”, comenta García-Calvo. Igualmente, apunta que a organización da actividade foi “un dez”, pondo en valor o traballo de Xeitura Coop e da institución académica. “Somos un equipo cunhas características moi similares individualmente, crémonos o que facemos e transmitimos o que nos cremos á xente que nos rodea”, sinala José García-Calvo. Por último, subliña a boa sinalización e acondicionamento do camiño realizado e toda a infraestrutura dispoñible de albergues, aloxamentos, etc. “O Camiño está impecable e iso nótase porque atopámonos con moitísima xente facéndoo, é un éxito”, afirma o coordinador dos roteiros universitarios.   

Como mostra do bo desenvolvemento do camiño feito, José García-Calvo sinala “a emoción e o sentimento” das e dos participantes cando chegaron a Santiago, apuntando que para moitas e moitos era o seu primeiro Camiño. “Todas e todos cumpriron totalmente co seu obxectivo, que era chegar a Compostela e conseguir a Compostela”, apunta. “A xente quedou moi contenta, moi satisfeita, non só por ter logrado chegar a Santiago senón por como estivo organizado todo o evento, por como se desenvolveu”, engade Antonio Vázquez, técnico de Xeitura Coop. Como anécdota cita como únicas “penitencias” ou dificultades o calor do primeiro día e a choiva que os acompañou durante toda a última xornada. “Quedamos con ganas de repetir”, afirma.

Un grupo e catro etapas

Na actividade participaron 41 persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, e 5 persoas de organización, que correu a cargo da institución académica e de Xeitura Coop. Neste grupo, desde a organización subliñan que arredor do 70% foron mulleres e que houbo bastante diversidade de idades e colectivos de procedencia. Cada día, elas e eles comezaban a camiñar ás 8.30 h e chegaban sobre as 14.00 h ao destino, para logo pasar a tarde descansando ou participando en actividades lúdicas organizadas para facerlles máis amenas as tardes de recuperación.   

A primeira etapa do Camiño Portugués pola Costa tivo lugar o sábado 14 de maio, seguindo o traxecto Vigo-Pontevedra, de entre 25/35 quilómetros. O percorrido arrancou dende a Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA). A segunda etapa, o día 15, foi Pontevedra-Caldas de Reis, con 23 quilómetros de percorrido. As e os participantes arrancaron este segundo día dende o santuario da Peregrina e a praza da Ferraría. Continuando a actividade, a terceira etapa tivo lugar o luns 16 de maio, realizando o traxecto Caldas de Reis-Padrón, de 21 quilómetros de distancia. Por último, o Día das Letras Galegas, o martes 17 de maio, celebrouse a cuarta e última etapa, Padrón-Santiago de Compostela, de 24 quilómetros de distancia. As e os participantes remataron emocionados a súa viaxe como é tradición visitando a Catedral de Santiago de Compostela e recollendo a súa Compostela.