DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra reflicte os inicios vitais e educativos da escritora Xela Arias

A celebración das Letras Galegas arranca no campus de Ourense coa exposición ‘Aquela nena de Sarria’

A programación de homenaxe continuará as vindeiras semanas con diversos actos e mostras

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 03/05/2021

A programación co gallo do Día das Letras Galegas 2021 na Universidade de Vigo arrancou este luns no campus de Ourense coa inauguración da mostra Aquela nena de Sarria, do Colectivo Egeria, na que se abordan os primeiros anos de vida e de formación da escritora homenaxeada nesta edición, Xela Arias. Con esta mostra arranca unha programación de actos e exposicións coa que se quere unha vez máis reivindicar desde o eido universitario a lingua galega a través dunha das súas figuras destacadas.   

Na inauguración da exposición, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, destacou como este ano a programación no campus de Ourense está organizada desde a Facultade de Educación e Traballo Social coa colaboración desta vicerreitoría e quixo animar aos membros da comunidade universitaria e ás persoas interesadas a achegarse a esta mostra, que conta co apoio da Secretaria Xeral de Política Lingüística, e ás demais iniciativas que se desenvolverán co gallo do Día das Letras Galegas ao longo das vindeiras semanas.

Onde se forxa unha escritora

Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, subliñou que este ano “é a primeira vez que a nosa facultade ten unha celebración das Letras Galegas tan importante”, lembrando como o ano pasado non se puideron facer as actividades desexadas de homenaxe a Ricardo Carbalho Calero debido á pandemia. Da mostra inaugurada, resaltou “o modelo que pode ser Xela Arias para o noso alumnado, futuros profesores e profesoras” en canto permite “lembrar a gran responsabilidade que temos en que o galego sexa respectado, sexa valorado e sexa utilizado tanto na escrita como na fala, tanto na docencia coma en todas esferas da vida”. A exposición, lembrou, permite lembrar o papel xogado en xeral e no caso concreto de Xela Arias por experiencias pedagóxicas como a Granxa de Barreiros de Sarria e o Colexio Fingoi de Lugo.  

A exposición, que estará na planta baixa do edificio de Ferro ata o 15 de xuño, é un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria de Sarria para dar a coñecer a figura de Xela Arias e conta co patrocinio da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, ademais da colaboración do Concello de Sarria e a Real Academia Galega. Composta por doce paneis, nela refléctese segundo os seus organizadores “o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real”. Complétase a exposición con poemas dirixidos a Xela Arias por alumnado dos Institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, por poetas galegas “que seguen os camiños que Xela trazou” e membros da Nova Poesía Guitírica. Tamén se inclúen fotografías facilitadas pola familia da homenaxeada e debuxos da pintora lucense Sabela Arias, entre outros materiais.  

Da mostra, Isabel Mociño, vicedecana de Educación e Traballo Social e membro do comité organizador nel da programación do Día das Letras Galegas, destacou como “é un forma de achegar ao propio alumnado a experiencia, a vida dunha autora” pero tamén unha forma de “establecer conexións entre a propia vivencia dela e o que é o mundo educativo: o feito de que seu pai fose mestre, a experiencia e vinculación con escolas que foron innovadoras no seu momento, etc”. Así, a profesora recalcou como esta exposición tamén é “unha forma de dicirlles aos futuros mestres e mestras que sen dúbida a escola é un piar fundamental para as nosas vidas e para o desenvolvemento posterior, neste caso dunha escritora”.  

Máis programación

No acto de inauguración, a tamén vicedecana de Educación e Traballo Social e membro do comité organizador da programación do Día das Letras Galegas Ana Iglesias apuntou como esta mostra “é só un dos actos da programación que se desenvolverá en homenaxe a Xela Arias” e lembrou como o campus de Ourense acollerá este ano os centrais da Universidade de Vigo desta conmemoración. Así, a programación continuarán o día 13 de maio coa celebración da xornada O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias, no edificio de Ferro. Neste acto, presidido por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, entregaranse os Premios 2021 de Poesía, Relato e Tradución da Universidade de Vigo. Ademais, Chus Nogueira ofrecerá a conferencia A independencia total e gratuíta. A vida e a obra de Xela Arias, e Clara Pino, acompañada de Pablo Vidal, porá música a poemas de Rosalía de Castro e Xela Arias.

O día 21 de maio continuarán as actividades cunha xornada na que alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social amosará traballos realizados por eles e elas inspirados na obra de Xela Arias. Ademais, María Yáñez ofrecerá a conferencia Tras os pasos de Xela Arias e Emma Pedreira outra titulada Tupper X. Abrindo as caixas da poesía. Para rematar, terá lugar a presentación musical do libro-álbum O globo vermello, de Xosé Constenla, músico e profesor da facultade organizadora. Esta programación de homenaxe completarase coa mostra Xela Arias. A poesía do retrato, composta de fotografías de Xulio Gil e poemas de Xela Arias que se ubicará nos xardíns do campus de Ourense do 11 ao 21 de maio.