DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento do egresado da UVigo Yannick López

Ciclo educativo, xénero e práctica deportiva inflúen na creatividade do alumnado de Primaria en xogos motores colectivos Ciclo educativo, xénero e práctica deportiva inflúen na creatividade do alumnado de Primaria en xogos motores colectivos

A porcentaxe de homes zurdos e con lateralidade cruzada superou no estudo á de mulleres

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Investigación
DUVI Ourense 28/06/2022

No contexto educativo, a creatividade deixou de ser unha actividade ligada á fantasía infantil ou á expresión plástica para converterse nun valor educativo explícito a desenvolver a través do currículo escolar. Neste contexto, na súa tese de doutoramento, o egresado da Universidade de Vigo Yannick López analizou os niveis de creatividade de alumnado de Educación Primaria durante a súa participación en xogos motores colectivos, describindo o impacto nela do ciclo educativo, o xénero e a práctica deportiva, entre outros factores.

A tese, titulada Avaliación da creatividade motriz en tarefas grupais deportivas, estivo dirixida polas profesoras María del Pino Díaz e Aurora Martínez e foi presentada este curso académico na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Egresado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola UVigo, Yannick López conta cos mestrados de Profesorado en ESO, Bacharelato, FP e EOI e de Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares, realizando ademais o Programa de Doutoramento de Ciencias da Educación e o Comportamento.

No ámbito da educación física e o deporte, comenta o xa doutor, é posible tamén observar o interese crecente suscitado pola creatividade como valor educativo a desenvolver en nenas e nenos. Porén, a pesar da importancia que teñen os xogos colectivos no desenvolvemento infantil e na estimulación da creatividade motriz, Yannick López subliña que “a literatura dispoñible sobre creatividade motriz enfocouse fundamentalmente ao estudo da creatividade individual e son moi escasas as achegas que se refiren á creatividade motriz grupal”. Por este motivo, na súa tese abordou esta cuestión e o impacto de diferentes variables nela tales como a bagaxe de experiencias deportivas, o ciclo educativo, o xénero e a preferencia lateral.

Dous estudos empíricos

A parte empírica desta tese consistiu en dous estudos, un primeiro cuxo obxectivo xeral foi explorar as relacións entre creatividade motriz, ciclo educativo, xénero e práctica deportiva e un segundo centrado en analizar as relacións entre creatividade motriz e preferencia lateral. A mostra estivo constituída por 500 persoas (280 homes e 220 mulleres) pertencentes á etapa de Educación Primaria (6-12 anos) da comunidade autónoma de Galicia. Os instrumentos de avaliación da creatividade motriz empregados foron dúas situacións de xogo simples (GTS1 e GTS2) cuns obxectivos e normas ben definidos. Nos dous xogos dous equipos de xogadores (atacantes e defensores) enfrontábanse para impedir que o equipo con posesión do balón alcanzase o seu obxectivo, isto é, conseguir pasar o balón aos seus compañeiros. “Nas instrucións os suxeitos foron animados a variar e innovar a forma de pasar o balón así como as formas de desprazarse no espazo”, comenta o investigador. A diferenza fundamental entre os xogos radicaba no nivel de interacción (directa vs indirecta) que se produce entre atacantes e defensores.

A partir das accións motrices realizadas polas e polos xogadores procedeuse a calcular as puntuacións en creatividade motriz a través de dous indicadores tradicionais amplamente utilizados na literatura sobre o tema. “En xeral os resultados atopados no estudo 1 poñen de manifesto diferenzas significativas nos niveis de creatividade motriz durante os xogos colectivos en función do ciclo educativo, o xénero e a práctica deportiva dos suxeitos”, destaca Yannick López no seu estudo. A comparación dos niveis de creatividade motriz en función do ciclo educativo (1º, 2º ou 3º), detalla, amosou “diferenzas significativas tanto na fluidez total como na orixinalidade total, deducindo que en ambas as medidas os ciclos superiores alcanzaron puntuacións medias máis elevadas”.

En canto ao impacto do xénero sobre os niveis de creatividade motriz, “os resultados atopados mostraron diferenzas significativas entre homes e mulleres tanto en fluidez total como en orixinalidade total, sendo o xénero masculino o que obtivo puntuacións máis altas”. No caso dos grupos establecidos en función da práctica deportiva, recolle a investigación, “os resultados atopados amosaron diferenzas significativas entre deportistas e non deportistas tanto en fluidez total como en orixinalidade total, polo que os suxeitos que practican deportes obtiveron puntuacións medias máis altas”. Finalmente, os resultados referidos á influencia que exerce a interacción entre ciclo educativo, xénero e práctica deportiva sobre a creatividade motriz amosou “diferenzas significativas en ambas as medidas de creatividade motriz (fluidez total e orixinalidade total) alcanzando as mulleres deportistas niveis similares aos homes deportistas”.

Preferencia lateral

No segundo estudo empírico, indica Yannick López, “os resultados atopados poñen de manifesto que en todas as medidas de preferencia lateral (man, pé, ollo, sentido rotación, lateralidade cruzada), a porcentaxe de homes zurdos e con lateralidade cruzada supera de forma significativa á porcentaxe de mulleres". Ademais, en consonancia coa literatura sobre o tema, engade, “a porcentaxe de individuos con prevalencia ao lado esquerdo e lateralidade cruzada é significativamente superior no grupo de deportistas en comparación co grupo de non deportistas”. Os resultados da relación entre creatividade motriz e práctica deportiva de maneira sistemática e en todos os casos, recolle a tese, “revelan a existencia de diferenzas significativas nas dúas medidas de creatividade motriz (fluidez total e orixinalidade total) e nas dúas situacións de test de xogo (GTS1 e GTS2)". En todos os casos, engade Yannick López, “os deportistas superaron significativamente aos non deportistas, obtendo tamaños de efecto que poden considerarse de nivel medio-alto”.

En canto á relación entre creatividade motriz e preferencia lateral, os resultados amosaron que os individuos zurdos ou con lateralidade cruzada obtiveron puntuacións significativamente máis altas en ambas as medidas de creatividade (fluidez total e orixinalidade total) e nas dúas situacións de xogo (GTS1 e GTS2). De forma xenérica, nesta relación atopáronse diferenzas significativas máis intensas no GTS2 (con interacción directa entre opoñentes) en comparación co GTS1 (interacción indirecta). Finalmente, os resultados da relación entre a creatividade motriz e a interacción entre preferencia lateral e práctica deportiva non alcanzaron valores significativos segundo recolle o estudo.