DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación centrarase no software Power BI de Microsoft

Ciencias Empresariais e Turismo acollerá un curso de introdución á analítica de datos

Atendendo á demanda de profesionais con competencias neste eido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Académica
DUVI Ourense 12/01/2022

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá durante o mes de febreiro a celebración presencial dun curso de Introdución á Analítica de Datos con Power Bi, software de Microsoft considerado un dos referentes no eido da analítica de datos e a intelixencia de negocio.

A formación, coordinada polo profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Ernesto López-Valeiras, xorde, tal e como explica o seu responsable, ante a demanda por parte do mercado de profesionais con formación no eido da análise de datos. Será, indica, un curso introdutorio no que se presentarán os fundamentos da analítica de datos e Power BI a través dun caso práctico. Ao longo das sesións, as e os participantes terán “a oportunidade de experimentar as enormes posibilidades desta ferramenta para a automatización, visualización de métricas e elaboración de cadros de mando para apoiar a toma de decisións na empresa”.

Contido práctico

Concretamente, o curso, contará cun breve módulo teórico no que se presentarán os indicadores e cadros de mando para a xestión, e cun módulo práctico no que se abordará a obtención, modelización e visualización de datos; a edición de consultas, relacións entre táboas e xerarquías de datos e a creación de reportes e cadros de mando en Power BI. Terá unha duración de 30 horas, que se desenvolverán os venres pola tarde e os sábado pola mañá desde o 11 e ata o 26 de febreiro.

A docencia do curso correrá a cargo de María José Ferreira, consultora analista de Plexus Tech especialista en analítica avanzada, intelixencia de negocios, mellora de procesos, deseño de ferramentas automatizas e impulsora da cultura “data driven”. Completa o panel de docentes o propio Ernesto López, profesor de control de xestión, contabilidade de custes e control interno. Ademais Ernesto López é coordinador do proxecto Meta, programa de mentorización da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense no que María José Ferreira é unha das mentoras. “En Meta queremos ampliar e potenciar a formación en analítica de datos”, sinala o seu responsable.

O curso está destinado a profesionais de perfil técnico interesados en incorporar coñecemento sobre analítica de datos ao seu curriculum ou implementar esta ferramenta no seu posto de traballo; a estudantes de Administración e Dirección de Empresas, enxeñarías e outros graos e a público en xeral. Segundo o tipo de público, o prezo de matrícula oscila entre os 153 e os 180 euros, estando o prazo de inscrición aberto ata o 23 de xaneiro. O número de prazas dispoñibles é de 35.