DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organiza un cine forum que comezará o 8 de abril 

Cine e documentais para dar visibilidade á presenza da muller nos ámbitos STEAM

As proxeccións serán no auditorio da EE de Teleco a partir das 16.30 horas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 07/04/2021

Dous documentais e dúas películas nas que as mulleres son protagonistas activas en ámbitos relacionados coa tecnoloxía conforman a última aposta da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo para impulsar e dar visibilidade á muller nos ámbitos STEAM. O cine forum é, desta volta, a fórmula elixida pola dirección do centro para “espertar o espírito crítico no estudantado e empoderar ás alumnas que cursan disciplinas tecnolóxicas”, explica Teresa Rivas, docente e investigadora do centro, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade para desenvolver esta iniciativa.

O ciclo (In)visibilidade das mulleres steam na cinematografía arrancará este xoves 8 de abril a partir das 16.30 horas coa proxección no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do documental Mercury 13, centrado no programa secreto deseñado para levar ao espazo á primeira muller astronauta e que foi abortado pola NASA. O 22 de abril o público poderá visionar a película Hidden figures, que narra a historia das tres primeiras mulleres afroamericanas en acadar grandes metas no seo da NASA. O segundo dos documentais do ciclo chegará o 5 de maio, Bombshell , no que a actriz e inventora Hedy Lamarr narra as súas vivencias, entre as que se inclúen o desenvolvemento das bases do sónar, o GPS, a wifi ou o bluetooth. O ciclo chegará ao seu fin o 19 de maio coa proxección de A muller e a montaña, a historia dunha muller islandesa que rexeita o apoio dos gobernos a megaproxectos que non respectan o medio ambiente e sobreexplotan os recursos.

“En todos os casos, as mulleres son protagonistas activas en ámbitos relacionados coa tecnoloxía. No caso dos documentais, o nesgo e a discriminación son denunciados de maneira explícita, permitíndonos descubrir as dificultades das protagonistas en reclamar o sitio que lexitimamente (pola súa formación e capacitación) lles corresponde e así descubrir a concepción androcentrista da realidade que describen” explica Teresa Rivas, que en relación coas películas que se proxectarán sinala que o obxectivo non é só dar visibilidade á achega das protagonistas ao ámbito da tecnoloxía, senón tamén mostrar diferentes miradas femininas ante os restos que se lles presentan. 

Unha iniciativa dirixida a todo o alumnado das escolas de enxeñaría

As proxeccións, nas que participará como moderador o experto docente en cine Alfonso Castaño, están especialmente dirixidas ao alumando das escolas de enxeñaría da UVigo, que deberá preinscribirse ata as 13.00 horas do mesmo día da emisión. “Xeralmente non somos conscientes da maneira en que os medios de comunicación e entretemento contribúen á interiorización e incorporación de nesgos de xénero e, por conseguinte, a levarnos a definir o mundo dunha determinada maneira (a que eles reflicten)”, asegura a docente e investigadora da EE de Minas e Enerxía, que considera que a visualización de cine con espírito crítico pode axudar a descubrir os nesgos que temos interiorizados, e polo tanto eliminalos. “Visualizar cine feito por mulleres, cine feito con mulleres asumindo roles e profesións non estereotipados ou películas nas que, ao contrario, os nesgos existan de maneira velada, axudaranos a descubrilos e non reproducilos”, sinala Teresa Rivas.