DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Claustro

O reitor demandou un incremento do financiamento e amosouse “positivo” co novo mapa de titulacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 13/04/2021

Debate, negociación e consenso. Estas son as claves que propuxo o reitor de cara ao proceso de posible traslado de titulacións do campus de Vigo ao centro da cidade. Manuel Reigosa presentou ao Claustro este martes un informe sobre as actuacións levadas a cabo de cara a iniciar este camiño e sobre as posibilidades de futuro. Reigosa remarcou que de momento a Universidade non conta con “ningún novo espazo na cidade” e avanzou que cando o haxa, “o movemento será por consenso; se un centro non quere baixar, quedará no campus”. Tamén avanzou que, con estes posibles traslados de titulacións ao centro de Vigo, “non se abandona o campus dado que só temos posibilidade de mover uns poucos títulos”. Así, en Lagoas-Marcosende quedarían o resto das titulacións e empregaríanse os espazos baleiros para crear un “parque científico e tecnolóxico do sur de Galicia”. Ante os argumentos do reitor, os membros do Claustro demandaron a Reigosa máis información ao respecto, avaliar o impacto e a viabilidade do proceso antes de tomar ningunha decisión e lembraron a necesidade de debater en profundidade “o modelo de universidade que queremos para o futuro”, en palabras do profesor Iván Area.

Na súa intervención, o reitor recoñeceu que plantexar este posible traslado é un tema “disruptivo” pero considera que representa para a institución unha oportunidade para captar novo alumnado nun contexto de crise demográfica que se agudizará nos próximos anos. Segundo explicou, o equipo de goberno conta con informes que sosteñen que as titulacións dos campus urbanos teñen mellor acollida que as dos extraurbanos, como é o caso do de Vigo. Neste sentido, e atendendo a datos que amosan unha constante diminución da poboación, Reigosa considera que trasladar titulacións a un espazo urbano e facelas máis atractivas, podería permitir á UVigo resistir mellor os efectos da crise demográfica. 

O reitor asumía na súa intervención que sempre foi un firme defensor do modelo dunha cidade universitaria, “que con 30.000 alumnos parecía posible”, pero considera que xa non o é con 20.000. Neste sentido, Reigosa trasladou ao Claustro as dúas principais posibilidades que defende que a Universidade ten para descentralizar titulacións: os edificios de Zona Franca en López Mora e os terreos da ETEA. 

Folla de ruta e razóns para o traslado de titulacións 

Na súa intervención, Manuel Reigosa presentou a folla de ruta para encarar un proceso que comezou en marzo e lle permitiu manter xa xuntanzas con todos os decanatos e direccións de Vigo e tamén con representantes do alumnado. Agora, tras presentar o tema no Claustro, tamén terán lugar reunións con representantes de traballadores, así como unha consulta aos centros. Con este obxectivo, hoxe aprobouse a creación dunha comisión, que será a encargada de organizar este proceso e pactar a pregunta que se trasladará á comunidade universitaria. Unha vez coñecida a postura de cada escola e facultade, realizaranse os estudos de viabilidade financeira e análise de riscos para o traslado de aqueles que así o decidan. Tras ser debatidas e analizadas suficientemente cada unha das posibilidades, pasarán aos órganos de goberno para a toma de decisións.

O principal motivo esgrimido polo reitor para propoñer este traslado de titulacións á cidade é a necesidade de captar alumnado. Reigosa lembrou que o financiamento da Universidade depende dos créditos matriculados, “polo que a captación de novo alumnado é un obxectivo de primeiro nivel”. A este respecto, e tras destacar que este achegamento a Vigo xa está recollido no recentemente aprobado Plan Estratéxico da UVigo, expresou o seu convencemento de que “o factor afastamento do campus é un elemento de desincentivación” na atracción de novo alumnado e avanzou que a UVigo está a elaborar dúas enquisas (unha con alumnado de Bacharelato e outra con persoas egresadas) para coñecer como cambiaría a súa percepción das titulacións se estas se impartisen no centro. 

De feito, reitor referiuse á diferente evolución dos tres campus da UVigo “nun contexto de caída de matrícula”. Mentres en Ourense e Pontevedra, dous campus urbanos, a matriculación crece, en Vigo decae. Así, Ourense pasou de 3800 estudantes no curso 2011-2012 a 3900 na actualidade e Pontevedra de 3200 a 3500. Vigo, pola contra, cae de 11.300 a 8600. Ao seu parecer, trasladar titulacións ou servizos ao centro podería axudar a facer fronte a un futuro de crise demográfica, polo que animou á comunidade universitaria a “pensar a longo prazo, a decidir o mellor para a Universidade de Vigo dentro de 15 ou 20 anos deixando fora debates partidistas”.

Campus de Peniche e Campus de Teis

A curto e medio prazo o reitor presentou dúas posibilidades de crecemento no centro de Vigo. Por unha banda, o complexo de López Mora, de 17.000 metros cadrados e propiedade de Zona Franca, que uníndose aos centros que xa están en Torrecedeira conformaría o Campus de Peniche. “O noso obxectivo é que os alumnos poidan seguir a meirande parte das clases ou todas sen saíren de Vigo cidade”, reducindo así o tempo en desprazamentos e abaratar custos, por exemplo en luminarias, viais, limpeza exterior, xardinería no campus. Esta aposta permitiría, segundo o reitor, “ter máis presenza na cidade; que a Universidade se vexa como un activo próximo. Isto axudará na relación cos axentes sociais e na captación de alumnado” ao tempo que favorecerá “a realización de actos culturais e sociais de todo tipo… en horarios acaídos e con asistencia de público (universitario e non universitario)”.

Por outra banda, a medio prazo a Universidade crecería nos terreos da ETEA, no que se conformaría o Campus de Teis, centralizando a docencia e a investigación relacionada co mar arredor do edificio Faraday, pertencente á UVigo, e previsiblemente tamén do Siemens e do Morse, para o que se está a negociar con Zona Franca e Xunta de Galicia, respectivamente. O primeiro sería o centro desta Cidade do Mar e albergaría tamén a sede da Universidade de Verán. O segundo albergará os laboratorios comúns de investigacións mariñas, baixo a denominación Centro Atlántico de I+D. No caso de acordar a cesión do Morse, este acollería un aulario. 

Sobre o futuro do actual campus, a posta da Reitoría como explicou Reigosa no Claustro  é convertelo “no parque científico tecnolóxico do sur de Galicia, con centros singulares de investigación en economía, ciencias biomédicas, enxeñaría das telecomunicacións, industria 4.0, etc”. Quedarían nas Lagoas-Marcosende os centros singulares e institutos de investigación (agás CIM), é dicir: atlantTic, Cinbio, Cintecx; Ecobas e Cacti xunto con todas as titulacións que prefiran non baixar á cidade. 

Os membros do Claustro demandan máis información

Tras a intervención o reitor, os membros do Claustro coincidiron en solicitar máis información sobre os custes, impactos e repercusións do posible traslado de titulacións ao centro da cidade. Así o demandaba a profesora Edita de Lorenzo, para non debater baseándose en opinións persoais ou impresións de terceiras persoas, “senón con datos e informes contrastados”. De Lorenzo tamén se laiou por ter coñecido este proceso polos medios de comunicación, punto no que coincidiu, entre outros, co profesor Alberto Dafonte. Ademais, a docente da EE de Telecomunicación, xunto coa directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso e a profesora de Ciencias do Mar Elsa Vázquez argumentaron que considerar que a localización dos centros como a principal causa da baixada da matrícula é unha “visión pobre e simplificada” da realidade. A este respecto, demandaron titulacións novas e atractivas para o campus que “nos permitan captar os mellores estudantes” porque non se trata, sostiña Alonso, de que “nos escollan non por onde impartimos a docencia, senón por como o facemos”.

Pola súa banda, o profesor Iván Area tamén demandou máis información administrativa e económica sobre este proceso e cuestionou cal debe ser o órgano e o proceso para abordar unha das “decisións máis transcendentais da Universidade dende a súa creación”. O docente mesmo plantexou a posibilidade de adiantar as eleccións a reitor, xa que este tema “non estaba no programa electoral” ao tempo que explicaba que o verdadeiro problema é moito máis profundo: o modelo de universitario do futuro. Tamén dende o campus de Ourense, o director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Humberto Michinel, reclamou que o proceso de traslados en Vigo non afecte a outros proxectos noutros campus, como un futuro edificio para o seu centro.

Por parte do alumnado, Luis González, foi crítico con este proceso plantexado polo Equipo de Goberno, e recalcou que non é o mesmo “un campus como unha estrutura única, con centros académicos,  aparcamentos e zonas verdes en cidades como Ourense e Pontevedra” que espallar centros “ao longo e ancho de quilómetros dunha cidade” sen servizos, aparcamentos, etc. González tamén reclamou información sobre a financiación deste proceso e amosou a súa preocupación en relación a que nun futuro o campus vigués se converta “nun polígono tecnolóxico público-privado” cos centros docentes “illados en zonas urbanas”. 

Por parte de Ciencias do Mar, o seu decano interveu para explicar que o centro, en principio, ve con bos ollos o traslado á ETEA, pero demandou á Reitoría máis información sobre os espazos, servizos, investimento e impacto “para poder tomar unha decisión colexiada baseada en datos”.
Finalmente, o profesor da EE Industrial Antonio Collazo, solicitou ao reitor que nos procesos de consulta e toma de decisións sexan tidos en conta os departamentos, mentres que o decano de Filoloxía e Tradución, José Montero Reguera, preguntou ao reitor polos prazos de todo este proceso. 

“Se queremos competir a nivel internacional precisamos máis cartos”

O Claustro de hoxe comezou co informe do reitor no que se centrou nos avances na negociación do novo plan galego de financiamento universitario, do que se espera haxa avances significativos antes do verán, e no novo mapa de titulacións. Na súa intervención Reigosa tamén deu conta da evolución das cifras de covid-19 rexistradas nos tres campus, un balance moi positivo xa que a día de hoxe segue, segundo subliñou, sen rexistrarse ningún gromo que teña a súa orixe nas instalacións universitarias.

Con respecto ao plan de financiamento, que abarcará o período 2022-2026, Reigosa admitiu que a día de hoxe “non somos optimistas nin pesimistas, pero se queremos que as tres universidades galegas, ademais de estar entre as mellores do Estado, poidan competir tamén a nivel internacional precisamos máis cartos”. Neste liña o reitor explicou que á tendencia á baixa do número de créditos matriculados provoca unha caída da parte estrutural do financiamento, que nestes momentos cobre arredor do 70% dos costes reais da UVigo -e que acada cifras similares nas outras dúas universidades galegas-, polo que nas negociacións co goberno autonómico se está a tratar de incrementar esta partida en dous aspectos: maior financiamento dos créditos matriculados e incorporación do mantemento dos edificios (RAM) considerando as necesidades reais das universidades. En canto ao financiamento por resultados, do que as universidades reciben arredor do 33,3%, Reigosa informou que o debate xira en torno á actualización do panel de indicadores, incluíndo cuestións relativas a sostibilidade e medio ambiente, así como que estes indicadores estean axustados en termos per cápita e non absolutos.

Posibles novos títulos: Internet das cousas, vehículos autónomos...

O panorama debuxado polo reitor en canto ao mapa de titulacións puxo sobre a mesa a necesidade de reconfigurar a oferta tanto dos centros como dos campus en xeral para axustar a oferta de títulos aos novos perfís profesionais que demanda o mercado. Neste sentido, subliñou que a reconfiguración se realizará ao abeiro da iniciativa Galicia 2030 deseñada pola Xunta de Galicia en colaboración con Feuga e que prevé a implantación de 15 novos mestrados e aproximadamente entre 8 e 12 novos graos. Tal e como recalcou o reitor, “queda un pouco á marxe o posible Grao/Mestrado en Intelixencia Artificial, que estamos a negociar por separado e para o que faremos todo o posible para que se imparta na Universidade de Vigo”, ao que engadiu que desde a institución académica viguesa se traballará para lograr unha oferta universitaria o máis atractiva posible, capaz de atraer o máximo número de estudantes, apostando de maneira decidida pola posta en marcha de grados duais e de medidas específicas dirixidas á captación de alumnado internacional, sobre todo de Iberoamérica, entre elas a oferta adicional de prazas –“excluíndo titulacións como podería ser Medicina”- e axudas económicas para a matrícula... 

Entre os mestrados nos que a UVigo parece, “a priori”, mellor posicionada para a súa futura implantación, o reitor situou títulos como o de Deseñador de Órganos e Tecidos, Internet das Cousas ou Vehículos Autónomos. “Estamos nunha fase moi inicial, de momento todo isto son negociacións e terá que valorarse desde os diferentes centros”, recalcou Reigosa, quen informou que a consellería tentará ter un novo acordo antes do verán, “non de titulacións concretas, pero si dos criterios xerais que deberán terse en conta á hora de negociar propostas concretas”.

Novo regulamento de estudantes e outras cuestións

A maiores de todas estas temáticas, o Claustro deu tamén o seu visto e bo a un novo Regulamento de Estudantes –o anterior era de 2001- e á creación dunha comisión de traballo para facer un plan “institucional e sostible” co que renovar os programas de titorización do alumnado –os actuais MEET-PAT-.  Por outra banda, acordouse iniciar os trámites necesarios para a constitución do Centro Interuniversitario Ecobas –ante a desaparición das denominadas agrupacións estratéxicas-, dirixido por Carlos Hervés co apoio, como directora científica, da catedrática da Universidade de Santiago de Compostela María Loureiro. Por outra banda, nomeáronse cadansúa comisión redactora dos regulamentos de avaliación e inspección, e actualizáronse os membros de outras, incluídos os membros do Consello de Goberno – coa incorporación de Rebeca Díaz e José Montero-.