DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Beatriz Chan obtivo o terceiro premio polo seu proxecto de fin de estudos ‘Storm Boy’

Unha colección nacida en Esdemga, recoñecida nos Xuventude Crea

O seu proxecto forma parte dunha exposición na Igrexa da USC

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 03/12/2021

Inspirándose no filme australiano Storm Boy, que narra a historia dun neno que rescata tres pelicanos orfos, Beatriz Chan deu forma en 2020 a unha colección marcada pola temática mariñeira e a sostibilidade que constituíu o seu proxecto de fin de estudos en Esdemga, polo que esta egresada acaba de ser recoñecida co terceiro premio na categoría de moda do certame Xuventude Crea, impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Despois de que a situación xerada pola pandemia lle impedise o pasado ano presentar a súa colección no desfile de Debut, como parte da última promoción do título propio en Estudios Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, cinco do estilismos que integran este proxecto poden verse nestes días na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, que acolle a exposición dos traballos finalistas nas modalidades de moda e xoiaría deste certame. 

“Xa saír seleccionada finalista e saber que o meu proxecto ía estar na exposición foi unha unha alegría e formar parte das premiadas xa foi toda unha sorpresa, coa que estou encantada, porque había moito nivel", recoñece Chan Costa, que alén do recoñecemento ao traballo que implica este galardón, destaca tamén a posibilidade de exhibir publicamente a súa colección. “Aínda que non se vexa a simple vista, é un proxecto que ten detrás moito traballo manual e de investigación”, recoñece dunha colección na que, sinala, “intentei condensar todo o que me ensinaron en Esdemga”. 

Cinco dos dez estilismos que integraban o seu proxecto, titulado tamén Storm boy, servíronlle agora para acadar este terceiro premio, cunha dotación económica de 1000 euros, nun certame ao que se presentaron un total de 12 obras na especialidade de moda. Seis delas, segundo informou a Xunta este venres, foron seleccionadas finalistas e forman parte da exposición que ata o 15 de xaneiro poderá visitarse na Igrexa da USC. Entre elas atópanse tamén Out of this world, de Francisco Basteiro, e Lost, de Marta del Río, gañadoras do primeiro e segundo premio, respectivamente, nesta modalidade. “O premio dáche ánimos e esperanza”, recoñece Chan, que salienta o empuxe que este galardón supón de cara a tratar de iniciar a súa traxectoria profesional no ámbito do deseño de moda, así como as colaboracións e posibilidades que pode abrir nun mundo “que evoluciona constantemente e no que sempre é importante seguir creando”.

Sostibilidade e procesos artesanais

“A miña colección céntrase na historia do neno e os pelicanos e tamén nos recursos naturais, na sostibilidade e a reciclaxe”, salienta Chan, que explica que boa parte dos elementos que integran o seu traballo teñen como materia prima pantalóns vaqueiros reciclados. “Todo o proxecto ten detrás un proceso de reciclado de tecidos”, explica esta egresada dunha colección feita fundamentalmente con técnicas manuais, coas que confeccionou zapatos ou sombreiros a partires destes materiais. Os elementos artesanais, así mesmo, están presentes tamén a través da cestaría, coa que Chan buscaba tamén, ao igual que coa elección de “tecidos raídos”, recrear o “ambiente mariñeiro” do filme. 

Un certame con 14 categorías

Dirixidos a fomentar a creatividade galega e abertos á participación de mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, os Premios Xuventude Crea contaron neste 2021 con 14 categorías, que foron fallándose nas últimas semanas, entre as que figuran tamén disciplinas como artes plásticas ou fotografía. De feito, nesta última, a estudante da Facultade de Belas Artes Rocío Campoy Lage foi galardoada cun segundo premio pola súa serie Berros, que formou parte da exposición que en novembro reuniu na Igrexa da USC as obras finalistas nestas dúas modalidades.