DUVI

Diario da Universidade de Vigo

comité expertos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 12/04/2021

Os catedráticos da Universidade de Vigo, e únicos representantes dunha institución académica de educación superior galega, Xavier Labandeira e Santiago Lago formarán parte do comité de persoas expertas que se encargará de deseñar a reforma do sistema tributario español. A ministra de Hacienda, María Jesús Montero, deu a coñecer hoxe, nunha comparecencia celebrada en Madrid, aos e ás 17 expertas que integrarán o grupo de traballo que ata finais de febreiro do ano 2022 abordará o redeseño do modelo impostivo e o financiamento autonómico. Dirixidos polo catedrático emérito de Economía Aplicada da Universidad Rey Juan Carlos Jesús Ruíz-Huerta, o grupo de expertos e expertas, que contará con 15 vocais e un secretario, deberá entregar o 28 de febreiro do vindeiro ano un libro branco fiscal que o executivo empregará para reformular o sistema fiscal español, coa finalidade de recortar os puntos de diferenza coa medio de presión fiscal da UE, alumeando un sistema “máis xusto e progresivo”. Así mesmo, segundo avanzou este mediodía María Jesús Montero, o comité tamén traballará na necesidade de desenvolver unha fiscalidade medioambiental, revisar as achegas das grandes fortunas e compañía de gran tamaño e avanzar no gravame dos negocios dixitais.  

Labandeira e Lago, catedráticos ambos do Departamento de Economía Aplicada da UVigo, coinciden en considerar “unha honra” a súa inclusión no comité de 17 persoas expertas para reforma fiscal. “Boa parte do meu traballo académico tense desenvolvido no campo da reforma fiscal verde e da fiscalidade ambiental, así que é unha honra que o Goberno conte comigo para una comisión que ten entre os seus obxectivos a exploración en detalle do potencial e posibilidades dunha maior fiscalidade verde no sistema fiscal español”, sinala Xavier Labandeira, mentres que Santiago Lago agradece ao executivo “que pense en min para botar unha man na definición de elementos básicos dunha reforma fiscal tan necesaria como adiada”. O director do grupo de investigación GEN considera ademais “un indicador positivo, tanto para a UVigo, como para o conxunto do sistema universitario galego que Xavier e eu esteamos na comisión”, ao tempo que incide en que en Galicia hai moita xente con criterio en moitos eidos científicos e que este dobre nomeamento é un exemplo de que así se percibe dende fóra.

Ambos os dous investigadores da UVigo, que xunto á Pompeu Fabra é a única institución con dous representantes no comité, coinciden en sinalar a necesidade de facer efectiva a redifinición fiscal que quere desenvolver o Goberno, “unha reforma en profundidade no noso sistema fiscal que vai máis aló de parches e remendos”, asegura Lago. O director do Foro Económico de Galicia asegura que cómpre gañar en eficiencia, pero tamén en equidade e en capacidade de recadar máis “para eliminar dunha vez o déficit estrutural que padecemos en España. E temos que aproveitar a reforma para enfrontar os desafíos no eido medioambiental (nomeadamente o cambio climático), a dixitalización, ou a descentralización”, enumera Lago.

Papel dos impostos ambientais e encaixe de tributos dos diferentes niveis

En canto ao que os dous catedráticos da UVigo consideran que poden achegar ao comité de persoas expertas, Xavier Labandeira, apunta que, como economista público de formación, agarda poder contribuír aos debates sobre os necesarios cambios no sistema fiscal español. “Particularmente, no papel e efectos dos impostos ambientais. Estes serán cruciais para que España poida completar de forma exitosa, limitando os custos, a descarbonización prevista para mediados de século”, sinala.

Especialista na dimensión descentralizada e federal, Santiago Lago considera que “neste encaixe entre tributos dos diferentes niveis de goberno é onde creo que podo achegar algo máis”. Así mesmo, o docente e investigador destaca a experiencia de Labandeira e a del mesmo en traballar en comisións, “que esixe cooperación e empatía”, asegura Lago, que destaca as súas recentes experiencias como coordinador do grupo de expertos económicos da Xunta para enfrontar a crise da covid-19 e a súa participación na Comisión para a reforma do financiamento, creada en 2017 polo Consejo de Ministros.